15/11/2018

Un reto de derbi galego para cumprir a oitava

Un reto de derbi galego para cumprir a oitava
O segundo duelo galego da primeira volta para as Guerreiras Laranxas volverá ser a domicilio, na pista do Poio Pescamar FSF. O pavillón da Seca acollerá a xornada 8 de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo ás 18.30 horas, entre o liderado burelista, con pleno de vitorias, e a sétima praza das pontevedresas, con emisión a través da web de Televisión de Galicia.

“Os derbis sempre son partidos moi competidos e Poio é un rival que na súa casa é moi duro de bater. Esperamos un encontro moi complicado que se decidirá por pequenos detalles” explicaba a viveirense Lara Balseiro, facendo referencia ao enfrontamento de pretempada entre ambas as escuadras: “O partido de presentación do Poio, en setembro, xa se decidiu por pequenas cousas e nos minutos finais (1-3). É un equipo que ten xogadoras moi habilidosas que nos obrigarán a estar concentradas os corenta minutos e a dar todo de nós para continuar con esta boa racha” advertía a 10 burelista, destacando tamén o bo comezo do Poio, que recibirá as da Mariña con 12 puntos e tan só 5 xornadas disputadas, nunha excelente traxectoria que soamente o actual campión puido parar ata o momento: “Está facendo moi boa tempada, só perdeu puntos en Roldán, a semana pasada, que tamén é unha cancha moi difícil”.

“A nosa máxima é sempre mellorar, día a día, independentemente do rival. A semana pasada, con Penya Esplugues (3-0), fixemos un bo partido, pero non valerá de nada se este sábado non facemos o mesmo. Queremos medrar xornada a xornada para poder seguir sendo líderes, ata o final”, concluía Lara.

As internacionais Peque e Luci incorporaranse esta tarde ao traballo do equipo, tras a concentración coa Selección Española en Níjar, con dous compromisos ante Rusia; a coruñesa Luci non puido xogar por unha escordadura de nocello nos adestramentos previos aos amigables. Bea Mateos e Cami continúan cos seus procesos de recuperación.

Mañá, a escuadra mañá pechará a preparación da semana ás 11.00 en Marzán.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.