13/11/2018

Pescados Rubén e CD Lugo, da man

Pescados Rubén e CD Lugo, da man
O Pescados Rubén Burela FS e o CD Lugo deron a coñecer esta mañá un convenio de colaboración co que ambas as entidades estreitan a súa relación para favorecer o crecemento social, económico e deportivo na provincia. O presidente laranxa, Manuel Blanco, reuniuse co seu homólogo albivermello, Tino Saqués, na sala de prensa do estadio lugués Anxo Carro, para o presentar o acordo.

Manuel Blanco e Tino Saqués trasladaron a ilusión do inicio dun proxecto no que Lugo e A Mariña construirán unha sólida ponte de unión. “Como reza o lema da nosa campaña, A Unión fai Forza, e este acordo é un reflexo. Ambas as entidades levamos con orgullo o nome das nosas cidades e realizaremos accións conxuntas para que os nosos socios poidan achegarse a outro deporte; facilitaremos bonificacións para os socios de cada club” explicaba o presidente do Lugo, co que Manuel Blanco coincidía: “Xuntos poderemos promover as dúas referencias deportivas de Lugo, de fútbol e fútbol sala, por toda a provincia. Traballaremos para impulsar peñas conxuntas e esperamos ir medrando xuntos pouco a pouco”.

O convenio entre ambos os clubs contempla distintas sinerxias como eventos conxuntos, accións de Responsabilidade Social Corporativa compartidas, accións de bonificación de entradas e captacións especiais de socios ou a creación do "Día de Burela" e o "Día do CD Lugo", unha acción mediante a cal os socios de ambas as entidades poderán asistir a un partido de Liga no Anxo Carro e en Vista Alegre.

Ademais, mediante o acordo subscrito, o Pescados Rubén Burela FS promoverá a creación da Peña CD Lugo Burela, un acontecemento de grande importancia para a estratexia da entidade albivermella de chegar a todos os recunchos da provincia de Lugo. Ambas as entidades axuntarán forzas tamén a través das canles sociais creando contido conxunto co fin de interaccionar cos afeccionados de ambos clubs.

Xornada de convivencia

Como inicio da andadura conxunta entre Pescadso Rubén Burela e CD Lugo, os equipos sénior laranxas visitaron pola tarde o campo de adestramento do Ceao para coñecer máis de cerca a dinámica de traballo do equipo de Segunda División Masculina de Fútbol, así como o PM Friol CD Lugo, en Segunda Feminina. As escuadras laranxas completaron a xornada cunh sesión de portas abertas no municipal da cidade amurallada.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.