18/10/2018

Betis, o favorito, o gran rival a bater

Betis, o favorito, o gran rival a bater
O Pescados Rubén Burela FS visitará o líder, Real Betis Futsal, na xornada 6 de Segunda. Tras a pugna do pasado play off, sevillanos e laranxas volverán verse as caras neste inicio de liga, cunha traxectoria imbatida. A cita poderá seguirse en directo por streaming a través de www.lnfsdirecto.com (sábado 20, 19.00 horas, Amate).

“A semana vai ben, estamos traballando os puntos fortes de Betis e os pequenos detalles nos que erramos ante Tenerife. Aínda que seguimos con dúas ausencias importantes, Iago e Mata, confío en que o equipo responda ben ante un rival cun gran cadro, o gran favorito ao ascenso” advertía o pivote Luisma, esperando un encontro moi rifado: “Será un partido moi igualado, na liña do ano pasado. Mirando as estatísticas, non conseguimos gañar ningún, pero foron igualados. Esperamos un grande ambiente que arroupará o seu equipo, pero sabemos que podemos gañar; serán os pequenos detalles os que decidan o partido” aseguraba o rioxano.

Betis recibirá os pupilos de Juanma Marrube no cume, con 13 puntos, 2 máis ca os galegos. Ata o momento só ElPozo puido arrebatar puntos ao equipo andaluz (2-2). “É un rival con xogadores desequilibrantes, con experiencia en Primeira, traballan moi ben o porteiro xogador, ten boa portería cun meta que xoga moi ben co pé. Debemos ter en conta moitas fortalezas, pero eles tamén nos esperarán con moito respecto. Nós estamos rendendo moi ben fóra da casa e creo que podemos regresar cos tres puntos. A nivel defensivo estamos traballando ben, en ataque estamos xerando ocasiones pero temos que perfeccionar a finalización” analizaba así o 6 burelista as armas de ambas as escuadras.

Os mariñáns bateranse a un vestiario con pasado laranxa, co adestrador, Daniel Ibañes, Burrito, Bellvert e Víctor López nas súas filas; con este último Luisma compartiu a última tempada e para el só ten boas palabras: “Con Víctor teño unha relación especial, vivimos xuntos o ano pasado e deséxolle o mellor pero unha vez finalice o partido de mañá”.

O 6 laranxa tamén falou do impulso de moral que lles pode conceder esta sexta xornada no crecemento do cadro: “A nivel clasificatorio poñeriámonos por diante de Betis con posibilidade de liderado, pero sería máis importante a nivel psicolóxico, por gañar fóra e facelo fronte a un rival desta entidade, que pode ser decisivo a final de tempada2 reflexionaba Luisma.

A expedición partirá desde Burela a medianoite. Amate será o escenario para o último adestramento da semana, mañá, ás 12.30 horas.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS:
1. Edu, 4. Lucho, 5. Luisma, 7. Porto, 9. Pitero, 11. Juanfran, 12. Renato, 14. Pope, 15. R. Vargas, 18. Adilson, 23. Imanol, 30. Hélder

Martes 23, Copa do Rei


Os pupilos de Juanma Marrube volverán a Vista Alegre xa o martes, coa segunda eliminatoria de Copa do Rei, ante Osasuna Magna (21.00 horas). A venda anticipada estará aberta na sede laranxa ata o martes ás 14.00 horas (Soci@s adult@s 3 €, Non soci@s adult@s 12 €, Menores de idade Gratuíto).

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.