31/03/2018

O Pescados Rubén verase as caras con Poio Pescamar na final de Copa Galicia (domingo 1, 19.00 horas, A Raña)

O Pescados Rubén impúxose por 2-3 ao Ourense Envialia e o Poio Pescamar por 2-7 ao Cidade das Burgas
O Pescados Rubén verase as caras con Poio Pescamar na final de Copa Galicia (domingo 1, 19.00 horas, A Raña)
Toda a información en www.futgal.es

O Pescados Rubén Burela FS e o Poio Pescamar FS disputarán mañá, ás 19:00 horas, a gran final da XII Copa Galicia Feminina de Fútbol Sala no Pavillón Municipal “A Raña” de Marín, onde esta tarde se viviron dúas semifinais ben distintas, as dúas presididas pola secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez.

Ourense Envialia – Pescados Rubén Burela (2-3)

O Pescados Rubén Burela FS erixiuse como primeiro finalista da XII Copa Galicia logo de impoñerse na primeira semifinal ao Ourense Envialia, remontando o tanto inicial de Luci nos primeiros minutos de partido e logo dun partido marcado pola igualdade e a emoción.

As ourensás axiña lograron adiantarse no marcador por mediación de Luci. As da Mariña non atopaban o seu xogo pero si foron capaces de empatar grazas a unha acción de Cilene na que contou cunha pequena colaboración de Andrea Carid “Spi”.

Saíu dos vestiarios moito más metido o Pescados Rubén, que aproveitou os seus mellores minutos do partido para dar un golpe na mesa con dous zarpazos que xa foron demasiado obstáculo para as ourensás. Cilene fixo o 1-2 no 23 e cinco minutos máis tarde de novo a fortuna se aliou coas laranxas. Gran xogada de contraataque e gol en propia porta de Antía Pérez cando tentaba cortar o pase que ía cara a Tai. Quedaban aínda doce minutos por diante pero non había tempo que perder. Chipi arriscou xa con porteira-xogadora de maneira provisional. Antía Pérez refíxose do erro anterior marcando un gran gol que achegou o marcador. Apertou Ourense Envialia o acelerador na recta final e tivo o empate na man cando Burela quedou en inferioridade numérica ao ver Jenny o segundo cartón amarelo. E mellor se lles puxo ás ourensás cun penalti a favor por mans de Cami, pero Spi enviou a pelota ao poste. Seguiu apertando Ourense pero Burela, xa con igualdade numérica, aturou e converteuse no primeiro finalista desta edición da Copa Galicia.

Cidade das Burgas FS vs Poio Pescamar FS (2-7)

Máis cómoda resultou a clasificación do Poio Pescamar, que cimentou a súa vitoria nunha magnífica primeira metade. Jenni marcou xa no minuto 2, o que sería un presaxio do que ía a suceder a partir de entón. Foi un arranque esmagador do equipo pontevedrés, que contou cun masivo apoio na bancada, deixando notar a súa condición de anfitrión. Ceci ampliou a vantaxe aos sete minutos, pero xusto despois recurtaba Amelia para o conxunto ourensán, dando folgos ás verdes. Pero pouco durarían porque no minuto 12 chegaron dous tantos consecutivos de Jenni e Ceci que se viron apoiados por un quinto gol antes do descanso, o que supoñía un contundente 1-5 no intermedio do partido. E para colmo das ourensás marcaría o Poio o sexto á volta de vestiarios, deixando o partido sentenciado.

A partir de aí o Cidade das Burgas tirou de orgullo para competir o partido sabendo que as opcións de remontada eran escasas mentres que Marcio Santos aproveitou para rotar e reservar forzas de cara á final contra o Pescados Rubén.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.