29/03/2018

A ilusión da Irmandiña

A ilusión da Irmandiña
Por fin chegou. O Pescados Rubén Burela FS pelexará unha edición máis por alzarse co título da Copa Galicia. Será esta fin de semana en Marín, medíndose ao Ourense Envialia na primeira semifinal (sábado, 17.30 horas, A Raña). “A ilusión é ir buscar a Copa. As expectativas son positivas; o último partido, en Cádiz (0-11), deunos un gran salto á hora de pensar que estamos preparadas para disputar esta Copa” explicaba o técnico Julio Delgado, perseguindo sumar un título irmandiño máis á vitrina laranxa, que se decidirá o domingo, 1 de abril, ás 19.00 horas.

“Os partidos contra Ourense sempre son competidos. En liga empezamos perdendo, pero puidemos dar a volta ao marcador axiña e despois soubemos manexarnos bastante ben” botaba así a vista atrás o adestrador mariñán, coa vitoria de 4-5 en liga na primeira volta, valorando tamén a evolución desde entón do que agora ocupa a sexta praza en Primeira (40 puntos): “Vímolo no partido contra Poio. Tamén ten algunha baixa. Cambiou un pouco a defensa, vénse a media pista. Non sabemos se haberá sorpresas, se os dará o balón ou tamén quererá propoñer. Espero que poidamos resolver ben calquera da súa opcións” falaba así do actual campión de España o adestrador.

Nas filas burelistas, xunto a Judith e Julia, que xa non puideron entrar na convocatoria a semana pasada por lesión, tamén se suma a dúbida de Sara. “Animicamente chegamos ben, aínda que levamos unha semana un pouco atípica por efectivos, con tan só sete xogadoras de pista e con Camila recentemente reincorporada logo da súa viaxe ao Brasil” lamentábase así o adestrador, apostando pola garra e ilusión para suplilo: “Afrontaremos o partido do sábado coma se fose o último, sen pensar na final. Agora mesmo preocúpame o meu equipo. Estamos competindo ben e temos que seguir así. Neste aspecto tamén nos veu ben o partido de liga coas Burgas, de hai dúas xornadas. Deixounos un mal sabor de boca, aínda coa vitoria, pero sacámolo adiante e iso refórzanos; as xogadoras saben que o cadro está feito e é capaz de loitar por calquera título” puntualizaba o técnico.

O outro billete para a final

Cidade das Burgas e Poio Pescamar protagonizarán a segunda semifinal (sábado, 19.30 horas). “É favorito Poio, aínda que As Burgas demostrou que está competindo con todos os equipos e a un partido pode facer dano. Non me decantaría por un ao cento por cento porque o equipo ourensán nos puxo as cousas difíciles nos dous enfrontamentos de liga” explicaba Julio Delgado.

I Minicopa

As categorías de base estarán presentes na cita coa Minicopa, co duelo entre Poio e A Fervenza-Burela FS (domingo 1, A Raña, 16.30 horas). “É moi bonito que empecen a aflorar as bases e ter presenza nesta Copa. Ademais ás nenas seguro que lles fai moita ilusión. Case todas as miradas están dirixidas ao deporte masculino, pero esta Minicopa é un reflexo máis de que o feminino tamén medra a pasos axigantados, co protagonismo da base. Esperemos que entre todos contribuamos a que sexa unha gran Copa” concluía Julio Delgado.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.