23/03/2018

Un Cádiz moi necesitado agarda o Pescados Rubén

Un Cádiz moi necesitado agarda o Pescados Rubén

Cádiz Polideportivo FSF, no fondo da táboa, agarda o Pescados Rubén Burela FS na 22ª xornada de Primeira RFEF (sábado 24, pavillón Mirandilla, 18.15 horas) antes do descanso de Semana Santa no que a escuadra laranxa disputará a fase final de Copa Galicia (Marín, 31 de marzo e 1 de abril).



Ata o momento Cádiz só puido puntuar en dous empates, ante Soto del Real (5-5, xornada 3) e UCAM ElPozo Murcia (3-3, xornada 12). A última incorporación ás filas mariñás, a lusa Jenny, non se fía dos números na táboa, fronte a un rival que só custodia 2 puntos, e tendo moi presente o ronsel do duelo da semana pasada co Cidade das Burgas: “Estivemos traballando sobre todo a nivel táctico, centrándonos na obxectividade. Fisicamente estamos ben, a pesar de que o último partido, coas Burgas, nos resultou difícil, cun rival moi pechado atrás. Creo que Cádiz tamén se pechará atrás, temos que ter paciencia e non caer en erros que nos poidan complicar o partido” advertía a 9 laranxa.



 “Temos que ter coidado. A liga está moi complicada; vese partido a partido. Nós mesmas tivemos que sufrir coas Burgas, que está penúltimo, para sacar os tres puntos” incidía a ala portuguesa, confesándose moi a gusto no seu novo equipo: “Estou moi ben. Atopeime mellor no segundo partido e ademais tiven a sorte de marcar, xogando na casa; foi todo un pracer” concluía Jenny.



A escuadra realizará a súa última sesión en terras andaluzas hoxe ás 13.00 horas. Non viaxaron Judith e Julia, por lesión; Sofía continúa o seu proceso de recuperación e Cami ten previsto o regreso do Brasil nos próximos días.



Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 9. Jenny, 10. Lara, 12. Ana Romero, 13. Sara Correia, 14. Bea Mateos, 16. Tai



Outros compromisos. O Atlético de Madrid Navalcarnero lidera provisionalmente a táboa, con 53 puntos, despois de vencer a Majadahonda (4-0), 12º posto, no partido disputado onte. Universidad de Alicante, con 51, visita a pista do 10º, UCAM ElPozo Murcia; e Jimbee Roldán, con 49, tamén xogará a domicilio, co 14º, Soto del Real.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.