15/03/2018

A emoción de derbi galego recala en Vista Alegre

A emoción de derbi galego recala en Vista Alegre

Fíxose esperar pero por fin chegou. Vista Alegre acollerá o primeiro derbi galego de Primeira RFEF 2017-18 este sábado (18.30 horas) e farao con entrada gratuíta co duelo entre Pescados Rubén Burela FS e Cidade das Burgas. “Facíalle falta ao equipo e á afección ter un partido así en Vista Alegre” aseguraba Joziane de Oliveira, incidindo na emoción e espectáculo que sempre rodean os duelos irmandiños.



As ourensás recalarán na Bomboneira na 21ª xornada nunha situación delicada, na penúltima praza, con tan só 5 puntos (xornada 2, Soto del Real 1-1; xornada 12 Futsi, 2-2; e xornada 15, Cádiz 4-2). No entanto, Jozi non se fía; na ida, con 3-4 para as laranxas, xa foi un enfrontamento nada doado e por iso hai que que estar ao cento por cento: “Perderon xogadoras importantes por lesións e iso pesoulles demasiado. Non viven un bo momento, pero están loitando para conseguir vitorias que as manteñan na categoría. Nós non podemos ir ao partido confiadas. Máis que pensar na súa situación, temos que pensar como chegamos nós a este derbi. Estamos nun bo momento e queremos mantelo, así que temos que centrarnos no noso traballo para fuxir dunha confianza que se pode volver na nosa contra” advertía a gardameta ‘canarinha’.



A capitá do Cidade das Burgas, Sonia Pacios, cre no equipo e na súa salvación. Así o explicou no xornal La Región: “Burela é unha cancha moi complicada, case imposible, pero temos demostrado que somos capaces do peor, pero tamén do mellor […] Despois, na casa imos ter rivais directos e eses son os primeiros partidos que temos que sacar. Xa non penso en facer bos partidos ou ser competitivas, fainos falta gañar un partido, e seguro que todo cambiará”.



Para Jozi, será un sábado con espectáculo garantido: “Temos moitos motivos para seguir xogando ben, con alegría, e traballar duro. Estamos pelexando pola liga, á espreita do que fan os que están arriba e seguir mantendo a nosa liña seria de traballo. Esta fin de semana poderá estrearse ademais Jenny en Vista Alegre e oxalá poidamos facer un partido bonito, gozar e facer gozar á xente”.



“Momentos así son inesquecibles. Non hai palabras para a afección de Vista Alegre. Eu xa intentei reflectir no meu Facebook o meu agradecemento polo agarimo que nos transmiten, como nos apoian y nos motivan. Oxalá de aquí ao final da liga sexa máis, máis e máis” concluía así a meta brasileira dando as grazas á Bancada Laranxa polo seu apoio, especialmente no último encontro na casa, no duelo con Futsi.



O cadro laranxa pechará mañá os adestramentos en sesión matutina en Marzán. Na convocatoria de Julio Delgado e Lucas non poderá figurar Cami, que tivo que viaxar esta semana ao Brasil por trámites burocráticos.




Enfrontamentos no podio. A priori, o enfrontamento das mariñás preséntase como o máis accesible. No cumio, o UA Alicante (48 puntos) visitará a pista do sexto clasificado, Ourense Envialia (37); o Futsi Altlético Féminas (47), na segunda praza, medirase a domicilio ao Alcorcón (40), quinto clasificado; e o Jimbee Roldán (46), pechando o podio, recibirá o Móstoles (24), undécimo.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.