10/03/2018

Un bo Pescados Rubén recupera sensacións e os tres puntos ante un Antequera esixente (5-2)

Un bo Pescados Rubén recupera sensacións e os tres puntos ante un Antequera esixente (5-2)
O Pescados Rubén Burela FS e Vista Alegre dixeron adeus ás pantasmas das tres últimas xornadas recuperando as boas sensacións e os tres puntos ante CD UMA Antequera (5-2). Os de Juanma Marrube, que chegaron a dispoñer de vantaxe de 3-0 na primeira parte, impuxéronse con fame de gol e mostrando o seu principal sinal de identidade, a solvencia defensiva, fronte a un rival con perigo no xogo de pivote e en estratexia.

Superado o ecuador da primeira parte Colacha anotou o 1-0, nun potente dispaso raso en carreira. Antes Pope, no 4 e o 8, tivera dous de ouro. Con máis de cinco minutos para o descanso, os de Juanma Marrube souberon manexar a acumulación de faltas; lonxe de amilanarse seguiron no seu empeño de buscar a rede rival. No minuto 17, e con tan só 40 segundos de diferenza, o Pescados Rubén ampliou a fenda ao 3-0, con Pope e Luisma, tras dous perigosísimos avisos de Chus. No 19 Luisma estrelouse contra Coejo e foi o Antequera o que aproveitou para recortar distancias a falta de 44 segundos para a bucina nun rexeite cazado por Juanra tras saque de esquina.

Os andaluces volveron máis enchufados. Pero Héctor tamén regresou ao parqué con ganas de gol; no 25 tivo unha grande oportunidade a balón parado. Aguantou Edu as embestidas visitantes e volveu aparecer o 20 mariñán para non errar e rubricar o cuarto, nunha recuperación. O Antequera mantívose no partido con nova aparición de Juanra, de disparo afastado, de novo de estratexia, no minuto 30, con 4-2. Alternancia baixo paus, con insistencia de Renato e un Edu impasible ante Miguel Conde e Juanra, ata que chegou o quinto laranxa con firma de Pope, no 37, que tan só tivo que empuxar un centro de Hélder. Entón, Miguel Conde quixo liderar a tentativa de remontada para os andaluces. Vista Alegre viviu os últimos segundos con ataque de cinco dos burelistas, con Chus á fronte.

Descanso ata o 24 de marzo

A Copa de España Comunidad de Madrid 2018 dará unha semana de descanso á liga de Segunda LNFS. O Pescados Rubén Burela FS regresará o 24 de marzo con outro duelo directo, na pista do Puertollano.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Luisma, Chus, Colacha, Pope, cinco inicial; tamén xogaron Víctor, Hélder, Renato, Héctor, Cora

CD UMA Antequera: Conejo, Carlos Corredera, Miguel Conde, Dani Ramos, Miguel Fernández, cinco inicial; tamén xogaron Óscar, Cala, Crispi, Juanra, David Velasco, Dani Aguilera

Goles: 1-0, minuto 11, Colacha; 2-0, minuto 17, Pope; 3-0, minuto 17, Luisma; 3-1, minuto 20, Juanra; 4-1, minuto 28, Héctor; 4-2, minuto 30, Juanra; 5-2, minuto 37, Pope

Árbitros: Miguel Velasco, F. // Miguel Velasco R. (Castela e León). Por Burela amarela para Renato, Héctor. Por Antequera, amarela para Dani Aguilera

Incidencias: Partido correspondente á xornada 24 de Segunda LNFS, disputado no pavillón Vista Alegre de Burela ante unhas 900 persoas. Minuto de silencio inicial en recordo do auxiliar de Movistar Inter, Cecilio Rodríguez

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.