07/03/2018

Presentación oficial de Jenny

Presentación oficial de Jenny
A lusa Jennifer Santos Rodrigues, máis coñecida como Jenny, foi presentada oficialmente esta mañá na sede burelista, na compaña do presidente, Manuel Blanco, e do secretario, José Dovale. “O Pescados Rubén Burela FS é un dos mellores equipos que hai en España e a liga española é un dos campionatos máis respectados do mundo” confesaba a nova 9 laranxa, que xa estará á disposición de Julio Delgado e Lucas para saltar á pista a vindeira xornada.

Esta será a súa segunda experiencia deportiva fóra de Portugal, despois de comezar a tempada na Seria A italiana, co Pescara. “En termos de intensidade hai máis diferenza entre o fútbol sala español e o portugués, co italiano non tanto. Tamén é máis competitivo o español, con 4-5 equipos en pugna polo título” analizaba así a súa bagaxe Jenny, cun novo reto por diante que afronta con ilusión e afán de superación: “Espero aprender o máis rápido posible para poder axudar o equipo nesta recta final. Espero evolucionar e chegar o máis lonxe posible, espero que a axuda entre o equipo e eu sexa recíproca. Creo que podo medrar neste equipo, sobre todo a nivel táctico porque hai xogadoras moi boas; para min Cilene é unha referencia, é unha das mellores xogadoras que vin”, explicaba a nova ala laranxa, de 25 anos, que recalou na Mariña o domingo.

A portuguesa, que xa se incorporou á dinámica do equipo ao comezo da semana, chega co “un contra un e raza en defensa” como as súas mellores armas. “Só coñecía de vista a Sara Correia, enfronteime nun partido a ela. Gústame moito o equipo, pola unión que ten” transmitía así as súas primeiras sensacións Jenny.

Manuel Blanco e José Dovale aplaudiron a chegada da 9 laranxa como “un reforzo prometedor para seguir pelexando por grandes soños nesta excelente tempada”.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.