09/02/2018

Duelo no cumio para inaugurar a Tarde Laranxa

Duelo no cumio para inaugurar a Tarde Laranxa

O Pescados Rubén Burela FS abrirá a Tarde Laranxa este sábado con emoción de duelo no cumio de Primeira RFEF. Será ás 16.30 coa visita do UA Alicante, que custodia a segunda praza, con tan só 1 punto de vantaxe sobre as de Julio Delgado e Lucas. A cita poderá seguirse a través da web de TVG e dará paso ao derbi lugués de Segunda LNFS, fronte ao Prone Lugo (19.00 horas, emisión en directo TVG2).



“Vai ser un partido moi complicado. Comezamos un mes no que os resultados nos marcarán o rumbo na competición e creo que é fundamental sacar os tres puntos este sábado, se queremos loitar polo título de liga”, explicaba Lara Balseiro; o liderado do Atlético de Madrid está a tan só 3 puntos das mariñás, con outro dos duelos da xornada 17, visitando o Jimbee Roldán, cuarto (36 puntos).



As laranxas mediranse a un equipo que non coñece a derrota dende a xornada 8, con 4-0 ante o Atlético e dende aquela só cedeu puntos no peche da primeira volta ante o Roldán (2-2). O Pescados Rubén foi o outro equipo capaz de vencelo, con 3-4 na ida. “Será moi similar, un partido que se decida por pequenos detalles. Temos que ter claro que dura 40 minutos, sen precipitarnos, tanto se imos por diante no marcador como se imos por detrás. En Alacante fomos por detrás ata o último momento, decantándose a vitoria para o noso lado” advertía a 10 burelista, incidindo en “chegar con opcións ao final”.




O cadro laranxa recuperou a boa liña no inicio da segunda volta. “Afectounos bastante a derrota en Alcorcón porque foi moi ampla, pero coa semana que tivemos de descanso e a competición traballamos moito o aspecto defensivo e a semana pasada en Majadahonda viuse reflectido; tivemos a posesión de balón, creamos moitas ocasións e o rival apenas chegou á nosa portería. A vitoria puido ser máis ampla pero o importante foi que sacamos os tres puntos”, concluía a viveirense.




Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 8. Cami, 10. Lara, 12. Ana Romero, 13. Sara Correia, 14. Bea Mateos, 15. Judith, 16. Tai, 37. Julia Forsiuk




Burela, fase final do Nacional Sub-17 Feminino



“É un luxo mutuo. Para Burela porque recibe estes días moita xente e para a Selección Galega porque Burela é unha vila envorcada co fútbol sala e seguro que axudará a Galicia a chegar moito máis lonxe” dicía Lara, desexándolle sorte á irmandiña no Campionato de España de Seleccións Sub17 Feminino, que acollerá en Vista Alegre as semifinais o sábado pola mañá e a final o domingo, ás 12.00 horas.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.