13/01/2018

Punto valioso ante Valdepeñas (3-3)

Punto valioso ante Valdepeñas (3-3)
O Pescados Rubén Burela FS arrinca con forza o ano e a segunda volta recollendo un valioso punto na visita do sólido FS Valdepeñas (3-3) a Vista Alegre. O equilibrio sobre a pista entre dous equipos moi ordenados reflectiuse no electrónico nun continuo tira e afrouxa; os de Juanma Marrube conseguiron chegar ao descanso con empate 1-1 e lograron adiantar en dúas ocasións no segundo acto.

A vantaxe do Valdepeñas chegou superada a medianía do primeiro acto, de rexeite. No minuto 11, Edu freou o disparo de socato do pichichi visitante, Dani Santos, e neutralizou no rexeite a Manu García, pero non puido evitalo de novo ante Dani. Na recta final, Edu estivo incomensurable evitando o segundo dos castelano-manchegos, nun corpo a corpo fronte ao ex dos laranxas, Mimi, a falta de 26 segundos. Vista Alegre recibiu en descanso en volandas, coa igualada a tan só 9 segundos, cun penalti sentenciado por Chus, tras amonestación de Mimi sobre Hélder.

Volveron ben ao parqué os de Juanma Marrube, con protagonismo goleador das Xoias Laranxas, para acabar coa comodidade dos visitantes. No 24, Renato gañou fronte a Mendiola tras pase en galopada desde a banda de Hélder. Pero non tardou en chegar o empate, no 26, con Manu García, desde saque de banda. No 31, volveu tomar a iniciativa o Pescados Rubén a balón parado tras falta de Iván Quintín; Héctor puxo o broche de ouro ao seu debut coa camiseta laranxa anotando o 3-2, pegado ao segundo pau, en pelota iniciada por Renato. Hélder tivo o cuarto nunha prodixiosa contra que conseguiu repeler Mendiola coas mans; transcorría no marcador o 33 de xogo. A poucos segundos, o Valdepeñas recuperou o equilibrio, para máis emoción, nun penalti transformado por Kike (minuto 34). Viviu unha recta final a Bomboneira de vertixe; Héctor tivo na ocasión de ouro nos últimos segundos, que finalizou nas mans de Mendiola, con lanzamento longo, caendo en Edu, sobre a bucina.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Hélder, Chus, Colacha, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Víctor, Luisma, Pope, Héctor

FS Valdepeñas: Mendiola, Iván Quintín, Dani Santos, Manu García, Nacho Pedraza, cinco inicial; tamén xogaron Mimi, Juanan, Kike, Caio Alves, Zamo, Rodrigo

Goles: 0-1, minuto 11, Dani Santos; 1-1, minuto 20, Chus (penalti); 2-1,minuto 24, Renato; 2-2, minuto 26, Manu García; 3-2, minuto 31, Héctor; 3-3, minuto 34, Kike (penalti)

Árbitros: Montero Galán // Navarro Rodríguez (Castela e León). Por Burela amarela a Edu (minuto 21), Renato (minuto 30), Pope (34), Luisma (40), Víctor (40), Álex (40), Hélder. Por Valdepeñas amarela para Mimi (20), Kike, Iván Quintín (minuto 31)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 16 de Segunda LNFS, disputado en Vista Alegre ante unhas 1000 persoas.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.