16/12/2017

Leganés Masdeporte 6-1 Pescados Rubén Burela FS

Leganés Masdeporte 6-1 Pescados Rubén Burela FS
Ao Pescados Rubén Burela FS non lle sentou ben o descanso da competición e non puido aproveitar o empate do líder, Atlético de Madrid Navalcarnero, con Cidade das Burgas (2-2). Era o maior temor do seu técnico Julio Delgado, que se rompese a boa dinámica que conseguiran afianzar as súas pupilas nas últimas citas, e lamentablemente cumpriuse. O conxunto laranxa non conseguiu entrar nun partido no que o Leganés Masdeporte, con maior intensidade, levou a batuta no electrónico, con 4-0 xa ao descanso, facendo moito dano en contraataque.

Os compases iniciais non presaxiaban o desenlace desafortunado, con dominio burelista. No minuto 6, Julia Forsiuk case sorprende á meta local cun disparo escorado, pero foi o Leganés o que conseguiu levar a iniciativa no ecuador da primeira parte desde saque de esquina nas zapatillas de Puche, no rexeitamento. Tivo unha ocasión moi clara o Pescados Rubén en xogo de cinco para igualar a contenda no minuto 15, con todo de novo foron as locais as que atoparon o premio, na contra rápida, sen porteira, con Mali. No 19 Ángela subiu o terceiro para o Leganés, de novo nun roubo. Antes de chegar ao descanso, as locais ampliaron a fenda co 4-0, con Patri cortando o xogo de cinco burelista e anotando desde a súa pista a porta baleira.

Foi a por todas o Burela FS regresando á pista con porteira xogadora desde o inicio e reduciu distancias nun suspiro, de vaselina, de Dany, cun rexeitamento ante a meta madrileña adiantada. Jozi freou, acto seguido, o que podería ser o quinto do Leganés e seguírono intentando as galegas, pero definitivamente non era a tarde do Pescados Rubén, faltáballe frescura. No 30, o Leganés aproveitou de novo un roubo na pelexa na súa área, cun lanzamento desde cancha propia, de novo sen meta baixo a rede burelista. As laranxas non perderon as ganas; no minuto 35, Cilene ao segundo pau, non conseguiu finalizar, e no 38, Bea Mateos superou a meta local, pero sacoua Mali baixo paus. Segundos despois Saki subiu o definitivo 6-1, cunha nova porta baleira.

Ficha técnica

Leganés Masdeporte: Sandra, Patri, Mónica, Amparo, Saki, cinco inicial; tamén xogaron Ángela, Laura, Mali, Bea, Puche

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Cilene, Bea Mateos, Lara, cinco inicial; tamén xogaron Julia Forsiuk, Sara Correia, Judith, Tai, Jozi

Goles: 1-0, minuto 10, Puche; 2-0, minuto 15, Mali; 3-0, minuto 19, Ángela; 4-0, minuto 20, Patri; 4-1, minuto 21, Dany; 5-1, minuto 30, Bea; 6-1, minuto 38, Saki

Árbitros: Martín Rodilla // Morales Ibáñez (Madrid). Por Leganés amarela a Mali. Por Burela amarela Bea Mateos e Cilene.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 12 de Primeira RFEF disputado no pavillón La Fortuna.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.