07/12/2017

Conta atrás na primeira volta, con Vista Alegre como talismán

Conta atrás na primeira volta, con Vista Alegre como talismán
O Pescados Rubén Burel FS repite este sábado en Vista Alegre coa visita do Software DELSOL Mengíbar na 13ª xornada (18.30 horas), na antepenúltima cita da primeira volta e de 2017. “Temos que seguir coa traxectoria dos dous últimos partidos e intentar sacar os tres puntos para seguir aí arriba na clasificación” advertía o capitán laranxa Edu, destacando a recuperación da filosofía burelista e dos resultados á pista.

Desde a sexta praza, con 24 puntos, e a tan só 2 da primeira, os pupilos de Juanma Marrube veranse as caras co noveno na táboa (19 puntos), que recala na Mariña tras recuperar a vitoria fronte a Manzanares (3-2) no último minuto. “Esperamos un equipo con aspiracións, que pelexa por meterse en play off. Será un partido moi físico, é un equipo con xogadores grandes que utilizan o seu corpo para acabar as xogadas. Nós temos que ter moita mobilidade para non caer nese xogo no que eles poden sacar vantaxe” explicaba o 1 mariñán.

Os laranxas non están dispostos a ceder nin a máis mínima no seu feudo: “Vista Alegre sempre nos axuda, estamos a tan só 2 puntos da primeira praza e necesitamos o seu apoio, como sempre, para que nos dea ás e continuar con esta boa dinánima de xogo e de resultados”, facía así Edu un chamamento á afección para este sábado.

Juanma poderá dispoñer de todos os seus efectivos excepto Matamoros, que será intervido o vindeiro luns dun carcinoma que lle foi detectado esta semana.

O Mengíbar ten prevista a súa chegada a Burela para mañá a última hora da tarde.

Convocatoria DEFINITIVA Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 11. Cora, 12. Renato, 13. Álex, 14. Pope, 17. Nito, 20. Kelson

Nadal para Tod@s, con Cruz Vermella de Burela

“Animo a todo o mundo que acuda a Vista Alegre a que colabore por esta boa causa, afección, xogadores, directiva..., todos temos que axudar co noso gran de area” facía así referencia Edu, á campaña solidaria programada para este sábado en Vista Alegre baixo o lema Nadal para Tod@s, con recolleita de alimentos que se doarán a Cruz Vermella de Burela.

Todas as persoas que así o desexen poderán deixar produtos non perecedoiros (legumes, alimentos infantís, arroz, cacao, azucre, galletas, pasta, fariña... e sobre todo leite, aceite e conservas) á súa entrada ás instalacións.

¡POR UNHA BOA CAUSA! ¡COA ACHEGA DUN SÓ PRODUTO PODES AXUDAR MOITO!

Sorteo de camiseta asinada

Durante o descanso, sortearase unha camiseta asinada por todo o equipo.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.