23/11/2017

Manzanares, para recuperar sensacións

Manzanares, para recuperar sensacións

O Pescados  Rubén Burela FS medirase na 11ª xornada ao Manzanares FS buscando recuperar as sensacións e o bo xogo laranxa (sábado 18, 18.15 horas, pavillón municipal). “O equipo está traballando con ganas, sabendo que temos que buscar nosa mellor versión no xogo, o que nos deu un bo rendemento nas primeiras xornadas” advertía Matamoros, na tenacidade mariñá por facer desaparecer as pantasmas das dúas últimas xornadas, sobre o que tamén incidía o técnico, Juanma Marrube: “O máis importante é que o equipo adestrou ben. Con dúas derrotas seguidas nunha boa liña, ao equipo custoulle dixerilo o luns e o martes, pero o mércores xa volveu ter a súa alegría. Agora temos que pensar en recuperar as sensacións e os tres puntos en Manzanares”.




Desde a sétima praza (18 puntos) os pupilos do Mariskal pelexarán a vitoria fronte ao duodécimo clasificado (12 puntos), que recibe os galegos coas boas vibracións de 5-1 fronte a Tenerife: “Estamos incidindo para recuperar a nosa fortaleza en defensa, algo que perdemos nas dúas últimas xornadas, traballar desde a defensa e intentar atopar unha mellor versión no xogo, alternar catro con xogo de pivote, ter mobilidade e profundidade e chegar con ocasións para facer goles” explicaba o 10 laranxa.



Juanma Marrube espera un “rival dinámico e atrevido”: “Espero un equipo que nos vai poñer as cousas difíciles porque ten moi claro ao que xoga. A súa cancha é máis lenta do habitual, é un equipo de moita experiencia, de moita envergadura e que gaña a miúdo no xogo de contacto, sae ben con porteiro xogador desde bandas, ten moi ben definido o seu ataque…” explicaba o adestrador, coincidindo co pichichi burelista: “É unha cancha complicada. É un equipo con xogadores con moita experiencia, ata en Primeira División; na súa pista e coa súa afección vai ser un partido bastante complicado. Ademais teremos o hándicap de xogar nunha superficie de goma, á que non estamos afeitos”, valoraba Matamoros, xa en plena forma no seu regreso ás pistas: “Atópome ben, pero non tan ben como quixese. Prefiro conseguir vitorias que facer goles. Cada vez estou mellor fisicamente e volvo ter esa chispa aínda que espero estar aínda mellor e achegar máis ao equipo”.




A expedición partirá esta noite ás 22.30 horas para adestrar xa no seu destino mañá, ás 10.00 horas. José Antonio LUna, Colacha, incorporarase ao grupo para a última sesión, logo da súa frutífera convocatoria, e con presenza goleadora, con España Sub-19 nas dous amigables fronte a Francia (5-2 e 4-0) en Estremadura.



Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 10. Matamoros, 11. Cora, 12. Renato, 13. Álex, 14. Pope, 16. Pitero, 20. Kelson



 

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.