09/11/2017

O Burela FS porá a proba o feudo do Antequera (venres 10, 20.45 horas)

O Burela FS porá a proba o feudo do Antequera (venres 10, 20.45 horas)
O Pescados Rubén Burela FS abrirá mañá, venres, a xornada 9 na pista do CD UMA Antequera (20.45 horas, Fernando Argüelles). Os galegos, que se desprazaron esta noite ata o seu destino, defenderán a primeira praza (18 puntos), empatados con ElPozo e Barcelona, nun duelo de rivais directos, poñendo a proba a imbatibilidade dos andaluces, na cuarta praza, a tan só 2 puntos.

“Será un partido moi complicado, coma sempre a domicilio, e máis tendo en conta a inercia do rival, nunha boa racha e con bos resultados na casa” advertía Juanma Marrube ante un Antequera que non coñece a derrota como local, con tres vitorias (4-2 Prone Lugo, 5-2 Tenerife, 5-2 Puertollano) e un empate (6-6, Rivas). Na dificultade da cita, tamén incidía o mozo Sergio Cora: “Sabemos que será un encontro moi difícil, ante un rival que está moi preto”, puntualizaba o ala, que aos poucos vai atopando un oco nas filas do Mariskal: “Atópome ben. Vou seguir traballando para conseguir máis minutos; pouco a pouco e con traballo chegará a oportunidade de ir xogando cada vez máis”, aseguraba o xogador viveirense, vendo sempre a parte positiva dos ‘interminables’ desprazamentos desde A Mariña: “Son un dos máis novos no equipo e sempre me fai ilusión este tipo de desprazamentos para coñecer sitios novos e máis mundo”.

“É un equipo que fai gol con moita facilidade, veloz, moi dinámico e que é alegre xogando. Creo que se poderá ver un bo partido, ademais tendo o aliciente de superarnos na clasificación, estando a menos dun partido, e nós, en fronte, motivados por seguir sendo primeiros” describía así o técnico mariñán os atractivos da cita en terras malagueñas medindo forzas, entre a solvencia en ataque dos andaluces, como máximo goleador (33 goles), e a efectiva defensa dos galegos, como menos goleado (11 tantos).

“Temos que ser fieis a nós mesmos. Temos que seguir a liña habitual de fóra da casa; temos que ser disciplinados e ordenados, controlando o dinamismo e atrevemento do Antequera” adiantaba así Juanma Marrube as pautas do partido de mañá, reafirmado por Cora: “Juanma fixo moito fincapé na orde e sacrificio, ademais da boa definición nas nosas ocasións. Creo que así poderemos traer os tres puntos” explicaba Sergio Cora, destacando o bo momento que vive o Pescados Rubén Burela FS, grazas ao traballo, ilusión e boa convivencia do vestiario: “Todos estamos moi ben entre nós, á parte dos pequenos ‘piques’ dalgún adestramento. Parece que nos coñecemos de toda a vida. Hai moita xuventude e a adaptación é rápida entre nós” puntualizaba o 11 laranxa.

Os pupilos de Juanma Marrube realizarán a última sesión da semana esta tarde ás 16.00 horas, xa en Antequera.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 10. Matamoros, 11. Cora, 13. Álex, 14. Pope, 16. Pitero, 20. Kelson

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.