07/10/2017

Terceira vitoria consecutiva e segunda praza

Terceira vitoria consecutiva e segunda praza
Vista Alegre foi testemuña dun gran partido. O Pescados Rubén Burela FS selou esta tarde a súa terceira vitoria consecutiva coa visita do atrevido e sólido Bisontes Castellón (2-1). Tres puntos que empuxan os de Juanma Marrube a unha apertada segunda praza (9 puntos), tras unha cita na que o acerto goleador dos primeiros minutos lles fixo renunciar aos mariñáns á súa filosofía de xogo, sustentando a súa fortaleza na defensa e valentía.

O encontro comezou cun gol meteórico dos laranxas, nas zapatillas de Renato, a tan só 36 segundos. No minuto 5, Luisma reafirmou a efectividade mariñá co 2-0 revolvéndose no chan merodeando pola área. Os visitantes basearon o seu perigo no contraataque e balón parado, con grande acerto de Álex baixo paus. Os de Juanma Marrube tiveron o terceiro no 8, cun balón longo que se estrelou co pau. Falcón desartellou outra dos galegos, no 14, tras falta ao bordo da área sobre Matamoros. A falta de 3 minutos para o descanso Chus tamén protagonizou unha gran galopada, superando a defensa castellonense, que se foi por pouco.

O 13 laranxa tivo máis traballo ao regreso, cun ambiente que se foi caldeando co paso dos minutos, cunha Bancada Laranxa moi animada. Tras as tentativas de Tití, por partida dobre, e David roldando os minutos 25 e 26, Óscar Maeso estrelou contra o pau a máis perigosa dos visitantes, a falta de nove segundos para cumprirse o ecuador do segundo acto. O Bisontes recortou distancias no minuto 35 con finalización de Juanito tras unha recuperación sobre Renato moi protestada; segundos antes Tití desperdiciara outra moi perigosa ante Álex. Restando dous minutos e medio, Bisontes saltou á pista con xogo de cinco dirixido por David. Non cedeu Burela; apostou por asumir a xestión da recta final, con Chus como porteiro-xogador.

A nota máis negativa da xornada en Vista Alegre protagonizouna o visitante Genís, que sufriu unha fractura de tibia nun balón dividido durante a primeira parte.

Martes 10, Copa do Rei

O Pescados Rubén Burela FS comezará unha semana con dobre derbi irmandiño o martes, 10 de outubro, coa visita do Santiago Futsal en dezaseisavos de Copa do Rei (Vista Alegre 20.30 horas). O sábado, os de Juanma Marrube veranse as caras con Prone Lugo, na quinta xornada de liga (Municipal de Deportes de Lugo, 18.0 horas).

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Álex, Hélder, Luisma, Chus, Renato (cinco inicial). Tamén xogaron Víctor, Matamoros, Pope, Colacha

Bisontes Castellón: Falcón, Malawy, Tití, Diego, David (cinco inicial). Tamén xogaron Charly, Genís, Thiago, Óscar, Éric, Juanito

Árbitros: Álvarez Rueda // Hevia Campa (Asturias). Por Burela, amarela a Matamoros. Por Bisontes, amarela a Juanito (minuto 22), David (minuto 22), Óscar (minuto 29),

Goles: 1-0, minuto 1, Renato; 2-0, minuto 5, Luisma; 2-1, minuto 35, Juanito

Incidencias: Encontro correspondente á 4ª xornada Segunda División disputado no Vista Alegre antes uns 700 afeccionados/as.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.