15/09/2017

Traballo, implicación e vontade

Traballo, implicación e vontade

O Pescados Rubén Burela FS comeza a súa andadura na Segunda División LNFS 2017-18 este sábado, ás 18.15 horas, na pista do FS Valdepeñas (pavillón Virgen de la Cabeza). “Partimos co cartel de traballar moito e co cartel de equipo en construción; neste inicio de liga saberemos por onde temos que seguir traballando. A base é boa, coa implicación de todo o corpo técnico e coa vontade de querer traballar da plantilla” explicaba así Juanma Marrube os sinais de identidade do equipo, estreándose no banco á fronte desta nova etapa laranxa.



Nesta primeira xornada, mediranse a un dos candidatos ao ascenso: “Con moitas ganas e con moito traballo feito nestes 40 días de pretempada e tamén desde a máxima tranquilidade posible, sendo conscientes de que imos a unha cancha moi complicada, dun dos equipos chamados a estar en postos de ascenso. Será un termómetro para nós, fóra da casa e ante un gran rival, para seguir medrando e traballando”, valoraba o adestrador, incidindo na complexidade da pista: “Xoga como local nunha cancha que hai unha grande afluencia de público, que van condicionarnos moito e esixirnos moito. Veremos un Valdepeñas sen especular, que vai ir polo partido”



“O obxectivo é que o equipo sexa capaz de xogar ao que adestramos, que sexa capaz de demostrar o que se leva traballando en pretempada e nos amigables. Así será máis doado que cheguen os resultados” falaba así das súas expectativas o Mariskal no inicio de liga, xa en Valdepeñas dende hoxe pola mañá.



Edu non puido viaxar por molestias musculares. Forman parte da expedición os xuvenís Luismi e Pitero.



Vista Alegre terá que agardar ata o día 23



Os pupilos de Juanma presentarán a liga en Vista Alegre, outra das referencia de fortaleza do proxecto, na 2ª xornada, o sábado 23, ás 19.30 horas, coa visita de ElPozo Ciudad de Murcia: “Creo que este será outro dos sinais de identidade, ser fortes na casa, que todo xogador sexa acollido en Vista Alegre, que a bancada disfrute e que poidamos transmitir as sensacións de pretempada”, explicaba o técnico mariñán.




Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 10. Matamoros, 11. Cora, 12. Renato, 13. Álex, 14. Pope, 16. Pitero, 19. Luismi, 20. Kelson



Copa do Rei, mércores 20



O Pescados Rubén Burela FS disputará a primeira eliminatoria da Copa do Rei o vindeiro mércores, 20 de setembro, na pista do Ziérbana (20.00 horas).

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.