15/05/2017

Juanma Marrube dirixirá a un Pescados Rubén con 'alma e carácter' en 2017-18

Juanma Marrube dirixirá a un Pescados Rubén con 'alma e carácter' en 2017-18

O secretario técnico do Pescados Rubén Burela FS, Juan Manuel Marrube Rodríguez (Alfoz, 1979), será o adestrador do equipo en Segunda División a vindeira tempada. “Antes de instaurar unha filosofía de xogo, para min o importante é ter un equipo con alma e carácter” explicaba o ex xogador laranxa, o ‘Mariskal’, cuxo dorsal, o 8, loce en Vista Alegre dende 2014. “Temos que formar un grupo no que teña pegada a idiosincrasia do club, pero tamén a cultura deportiva das incorporacións, xunto cos que pretendemos que sigan, coa xente que ten contrato. Trataremos de contaxiar o sentimento que hai aquí polo fútbol sala nos xogadores novos, dando a coñecer a filosofía do club, o que é a vila e o que sente a xente en Burela e na Mariña por este deporte, para chegar a facer esa alma e carácter” engadía o novo técnico laranxa.




Dende a directiva, o presidente, Manuel Blanco, definiu as novas responsabilidades de Juanma, con experiencia xa á fronte da base e o equipo de Terceira División, así como do FS Boal (Segunda B), como unha aposta de futuro: “Non hai mellor coñecedor da estrutura e da esencia do club ca Juanma. Ten todo o noso apoio para retomar o proxecto, cunha firme aposta pola base e a xente da casa. Será un equipo baseado no traballo e sacrificio; con estas dúas premisas, poderemos conseguir grandes cousas no futuro”, aseguraba o dirixente burelista.




Juanma Marrube xa traballa, cóbado con cóbado, coa directiva perfilando o novo proxecto: “Imos un pouco a contrarreloxo. Hai moitos clubs que xa teñen todo configurado; o descenso condiciona o noso proxecto definitivo, por iso temos que traballar con máis celeridade”, explica o mariñán, que asume o reto con moita ilusión, pero tamén sen precipitarse: “Estou contento, tranquilo, con moita pacencia e cunhas ganas enormes de traballar. Despois da traxectoria dos últimos anos do club, o equipo está nunha situación que nunca me planteei. Asumo este novo reto como unha gran responsabilidade e creo que, a pesar do descenso, esta é unha nova etapa que se pode aproveitar como unha oportunidade”, confesábase así Juanma.



O novo adestrador laranxa tomará as rendas do equipo o 1 de xullo. Mentres seguirá compatibilizando o traballo na estrutura do Pescados Rubén co seu labor á fronte dos bancos en Segunda B: “Teño que agradecer ao Fútbol Sala Boal a oportunidade que me brindou esta tempada. Grazas a este equipo tamén comezo hoxe este novo desafío; confiaron en min para estar á fronte do equipo de Segunda B e por iso estou moi agradecido”, explicaba Juanma, coincidindo coa directiva do Pescados Rubén pola predisposición do club asturiano para pechar a negociación.



Juanma tamén tivo unha mensaxe para incansable afección de Vista Alegre que tantos anos aclamou o histórico 8 burelista, para remar xuntos con novas ilusións: “Este é un golpe duro que hai que saber encaixar, pero tamén é unha oportunidade moi boa para que todos nos reinventemos. Todos temos que facer un cambio e ver esta nova etapa como un momento idóneo para conseguir grandes logros”, concluía o ‘Mariskal’.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.