14/05/2017

Ao Pescados Rubén sóbranlle 19 segundos

Ao Pescados Rubén sóbranlle 19 segundos
O Pescados Rubén Burela FS pecha a xornada 27 en Vista Alegre con mal sabor de boca vendo escapar o encontro no último suspiro, a falta de 19 segundos para a bucina final, fronte ao sólido UA Alicante (0-1). “O marcador puido caer de calquera parte. Competimos moi ben, fronte a un rival con moita intensidade que hoxe demostrou por qué ocupa a segunda praza; estivemos en todo momento no partido. Na primeira parte, dispuxemos de menos ocasións porque o UA Alacante saíu apertando moito e non puidemos elaborar o noso xogo nalgunhas fases. Tras o descanso, xeramos máis, quizais tamén influíu en cansazo do rival; o xogo de pivote con Dany tamén nos axudou a que o equipo saíse moito mellor” analizaba así o encontro o técnico laranxa, Iván Cao ‘Lucas’.

As mariñás tivéronse que aplicar a fondo en defensa ante un UA Alicante moi incisivo cun gran traballo de Jozi, baixo paus. As mellores ocasións das laranxas protagonizáronas Shio, no minuto 6, nunha tentativa que se foi desinflando ata caer nas mans de Jennifer, e Dany, nun pase longo de Jozi que non conseguiu sorprender á meta levantina (minuto 14).

As de Lucas e Julio Delgado deron un pase adiante na segunda parte. A tentativa alacantina que se estrelou contra o pau a tan só 27 segundos do reinicio non freou as mariñás, que conseguiron ir comendo terreo ás visitantes para chegar con máis perigo á meta de Jennifer. Antes de chegar á medianía, Dany e Cilene foron o tormento burelista para a rede alacantina; Claudia, no seu debut, tamén dispuxo dunha boísima ocasión no 35 fronte á portería visitante. Cando todo facía presaxiar que o electrónico non se movería, Ángela regaloulle os tres puntos á UA, a pase Mónica. Restaban 19 segundos. Pescados Rubén reaccionou con xogo de cinco, con Shio; sobre a bucina a punto estivo de subir o empate.

A peor noticia para as mariñás foi a lesión de Bea Mateos, obrigada a retirarse da pista na recta final por unha lesión no xeonllo.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Bea Matos, Cilene, Shiori, cinco inicial; tamén xogaron Lara, Sofía, Judith, Claudia

UA Alicante FSF: Jennifer, Paola, Lara, Ángela, María de los Ángeles, cinco inicial; tamén xogaron Paula, Lorena, Ana, Elena, Mónica, Andrea

Goles: 0-1, minuto 40, Ángela

Árbitros: Vilas Martínez // Pérez Rodríguez (Santiago). Amarela a Mª de los Ángeles, por UA Alicante

Incidencias: Partido correspondente á xornada 27 da Primeira División. Disputado no pavillón Vista Alegre de Burela, 500 espectadores. A Bomboneira rendeu homenaxe ao equipo xuvenil, campión de liga 2016-17; cada xogador recibiu un recordo do título de mans de presidente, Manuel Blanco. Antes do asubío inicial, houbo un minuto de silencio en memoria de Priscila, a irmá da ex xogadora do Pescados Rubén Gaby Vila Real Macedo.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.