27/04/2017

Cinco anos e unha final

Cinco anos e unha final

O Pescados Rubén Rubén pechará mañá en Vista Alegre cinco anos de traballo, ledicias e afán de superación en Primeira División coa gran final de finais que decidirá a súa continuidade no mellor futsal. Para iso terá que agarrar con máis forza ca nunca os 3 puntos fronte ao  UDDM Levante (12º clasificado). A cita, que arrincará ás 21.00 horas –horario unificado- e que contará coa asistencia do seleccionador nacional, José Venancio López Hierro, poderá seguirse en directo por streaming LNFS.



A pouco máis de 24 horas para saltar á pista, Tomás de Dios amósase confiado nas posibilidades do equipo e na solidez de Vista Alegre para que mañá a Bomboneira se converta nunha gran festa, a pesar da boa dinámica coa que chega o rival: “Na casa somos fortes, a afección dános unha gran forza mental; con ela o equipo está máis conectado. Sabemos que o Levante non perdeu nos últimos cinco partidos; será un encontro de tensión, presión e adversidades, pero imos sacar os tres puntos” aseguraba o técnico.



“Estaremos plenamente concentrados os 40 minutos. Despois teremos a incerteza de esperar resultados”, explicaba De Dios, aludindo aos outros dous candidatos coa permanencia en xogo, Cartagena e Gran Canaria, que recibirán a Santiago Futsal (11ª praza) e Palma Futsal (5ª praza) respectivamente.




Matamoros regresará á convocatoria tras realizar unha semana de adestramento, aínda que non ao cento por cento; serán baixas de Jorge Bellvert e Chano, por lesión, e Joan Miñano, por decisión técnica.



 




Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1 Edu, 5 Iago Míguez, 7 Isi, 9 Iago Rodríguez, 10 Matamoros, 13 Álex, 17 Carlitos, 21 Cuco, 23 Antoñito, 27 Renato, 30 Hélder, 31 José Carlos



Convocatoria UDDM Levante: 1 Sergi, 15 Yeray, 2 Cecilio, 4 Lucho, 7 Alex Oviaño, 8 Borja Milán, 9 Márquez, 10 Kiko, 14 Sena, 17 Emilio Buendía, 18 Tripodi




Entrada gratuíta



Vista Alegre terá abertas as súas portas de forma totalmente gratuíta ata as 20.30 h. A partir desa hora, tamén accederán gratis os afeccionados/as que acudan vestidos de laranxa. De 19.00 a 20.00 horas, os socios laranxas terán unha Happy Hour con 2x1 en cañas na cafetería Vista Alegre, viñoteca O Traste e Parrillada de Jandro.



Xantar da Irmandade Laranxa



As persoas que así o desexen aínda poderán poderán apuntarse ata mañá, tanto na sede laranxa coma no pavillón, para gozar do Xantar da Irmandade Laranxa (sábado 6 de maio, 14.00 horas, pavillón Monte Castelo). O prezo do menú de ata 14 anos será de 8 euros e a partir de 15 anos será de 16 euros.



Viaxe de Copa Galicia



Mañá tamén será o último día para reservar praza na viaxe da Festa Irmandiña, coa final de Copa Galicia o vindeiro luns, 1 de maio, en Pontevedra con Pescados Rubén Burela FS-Santiago Futsal (18.45 horas) e Poio Pescamar FSF-Ourense Envialia (17.00 horas). O club poñerá a disposición dos todos os interesados/as o desprazamento en autobús e entradas para os dous partidos, de forma totalmente gratuíta para os socios e por 15€ para non socios; a viaxe realizarase cun mínimo de 50 afeccionados/as.



 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.