27/03/2017

Un novo pulso de finais en Vista Alegre

Un novo pulso de finais en Vista Alegre

Vista Alegre volverá erixirse como o gran baluarte do Pescados Rubén Burela FS mañá na 26ª xornada de Primeira, coa visita do Catgas Energía FS, nun novo pulso de finais por escapar da zona maldita. O encontro, que arrincará ás 21.00 horas, contará cun invitado de luxo na Bancada Laranxa, o seleccionador nacional, José Venancio López Hierro.



“Cando a afección aplaude e anima dános ás e confiamos máis nas nosas posibilidades, por iso volverá ser clave que estea connosco de novo ata o último segundo. Temos que seguir confiando en que co apoio da bancada podemos sacar os tres partidos que quedan na casa como sexa. Hai que sumar xa” dicía confiado o capitán, Edu.



Con pouco descanso o Pescados Rubén, xa deixou atrás as pantasmas do castigo inxusto na visita de Gran Canaria (1-2) para ir a por todas: “Estamos sendo moi positivos; repasamos todo o que fixemos ben o venres contra Canarias e démoslle o valor que ten. Foi o encontro en que máis situacións de perigo e gol creamos e iso é o que temos que transferir e aplicar xa mañá outra vez en Vista Alegre, ademais de manexar pequenos detalles de estratexia defensiva” explicaba o técnico, Tomás de Dios, coincidindo con Edu: “Estamos defendendo ben, nos últimos partidos estamos creando moitas ocasións e temos que seguir así. O resultado do venres foi un pau duro; por ocasións parecía que o partido se ía decantar do noso lado pero non foi así. Tivemos  pouco tempo pero xa está todo esquecido para centrarnos no partido de mañá” aseguraba o 1 laranxa.



Os galegos non terán unha tarefa doada por diante, ante o oitavo da táboa. “É un equipo moi bo no xogo dun, con xogadores individuais moi dotados tecnicamente, que dominan as sociedades no xogo. Traballaremos defensas presionantes con defensas en metade de cancha, marcando unha intensidade moi alta no ritmo. Temos que chegar aos instantes finais cun marcador igualado para rompelo ao noso favor” analizaba o técnico laranxa, que en principio dispoñerá de todos os seus efectivos a excepción dos lesionados de longa duración Mata, Chano e Sergio Cora, aínda que Cuco, por enfermidade, e José Carlos, con molestias de costas, poden ser dúbida.



Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Bellvert, 20. Miñano, 21. Cuco, 23. Antoñito, 27. Renato, 30. Hélder, 31. José Carlos



Convocatoria Catgas Energía FS: 31. Prieto, 15. Esteve Plana, 3. Lucas Moreira, 4. Pablo do Moral, 7. Eric Pérez, 8. Dani Salgado, 9. Javi Rodríguez, 10. Sepe, 11. Maxi Rescia, 12. Corvo, 16. David, 21. Sergio González



Semana con moito traballo



Aínda que Catgas é o obxectivo de toda a concentración laranxa, os mariñáns terán outro reto ligueiro esta semana, coa Xornada 27 xa o sábado, na casa do Aspil Vidal Ribera Navarra FS (Ciudad de Tudela, 18.30 horas), 9º clasificado, no que será o penúltimo compromiso lonxe de Vista Alegre esta tempada. “Nesta semana podemos repoñer as perdas dos puntos que sufrimos; é unha semana con dobre oportunidade para desquitarnos dos dous últimos encontros” explicaba Tomás confiando na inmediatez do regreso de puntos para a cuadrícula galega.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.