02/03/2017

Iago Rodríguez: 'Temos equipo para reverter esta mala etapa'

Iago Rodríguez: 'Temos equipo para reverter esta mala etapa'

A falta de 8 xornadas para o desenlace ligueiro, o Pescados Rubén Burela FS atópase no momento menos cómodo da tempada. Vista Alegre postúlase como o talismán para sacar desa situación o cadro de Tomás de Dios; o primeiro obxectivo será mañá (21.00 horas) coa visita de Plásticos Romero Cartagena, duodécimo (con 23 puntos) fronte a décimo quinta praza dos mariñáns (15 puntos). “O principal é ter tranquilidade; estamos nunha situación moi delicada, pero esa ansiedade non pode superarnos. Temos equipo dabondo para reverter a mala etapa; temos 8 finais por diante, 5 son na casa e contra rivais directos, e non se poden escapar máis puntos en Vista Alegre” explicaba o máximo goleador laranxa, Iago Rodríguez.



O Pescados Rubén terá dobre fronte aberta, loitar contra os seus demos e romper a boa senda dos murcianos, con empates ante Catgas (5-5) e Jumilla (3-3) seguidos dun triunfo contundente en Canarias (7-2): “Sabemos a responsabilidade que temos, pero estamos comprometidos con saír da zona perigosa. Por esforzo e traballo do equipo non vai ser; podemos competir perfectamente contra Cartagena. Creo que individualmente temos mellor equipo, pero debemos demostralo na pista. Co apoio da afección, mañá ten que chegar esa vitoria” mostrábase así de seguro Iago Rodríguez, prognosticando unha cita diferente á da ida, con vitoria laranxa por 2-7: “Creo que será un partido máis pechado; o Cartagena exponse menos en ataque fóra da casa e, dada a situación en que estamos tampouco nós podemos arriscar demasiado. Será un partido de poucos goles, con moita intensidade, sabendo o que nos xogamos os 2 equipos” vaticinaba o 9 burelista.



“Quero agradecer aos seguidores que nos apoiaron nas boas e nas malas. É doado estar co equipo cando todo vai ben; sabemos que somos os principais responsables desta situación, pero agora é cando máis necesitamos o apoio da xente. O equipo vai dalo todo e necesitamos esa resposta do público para que o partido se decante do noso lado” valoraba así o compromiso da Bancada Laranxa, recoñecendo o ‘mea culpa’, pero pedindo unha vez máis a grande axuda da Marea: “Debemos admitir críticas se así as merecemos, antes ou despois do partido, pero durante os 40 minutos necesitamos o apoio da bancada”.



O último adestramento realizarase mañá ás 9.30 horas en Vista Alegre; está previsto que regrese á convocatoria o gardameta Edu.



Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Bellvert, 20. Miñano, 21. Cuco, 23. Antoñito, 30. Hélder, 31. José Carlos



Convocatoria Plásticos Romero Cartagena FS: 1. Alberto, 6. Rodrigo, 7. Elián, 8. Enrique, 9. Josema, 10. Juanpi, 11. Asensio, 12. Rahali, 14. Dani Blanco, 16. Raúl, 19. Jesús, 55. Adeirton




Copa Galicia



O Pescados Rubén Burela FS pelexará por clasificarse para a final de Copa Galicia o vindeiro mércores, 8 de marzo, na casa do Prone Lugo FS (21.00 horas). O outro billete para a gran cita decidirase o xoves 9 entre Noia FS e Santiago Futsal (21.00 horas).



 

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.