05/01/2017

As Guerreiras Laranxas retoman liga na Bomboneira con Roldán FSF

As Guerreiras Laranxas retoman liga na Bomboneira con Roldán FSF
Case mes e medio despois a liga de Primeira RFEF volve poñer o esférico en xogo. O Pescados Rubén Burela FS regresa á competición na 13ª xornada recibindo o ano novo este sábado como peche da Tarde Laranxa, ás 19.30 horas, fronte ao Jimbee Roldán FSF; antes Vista Alegre acollerá outro duelo galego-murciano, en Primeira LNFS, coa visita de ElPozo Murcia FS (17.00 horas).

“Tiñamos ganas xa de competir e eu personalmente tamén de ter a rutina de adestramentos coa expectativa de xogar o sábado. Foi un parón bastante longo, aínda que nos veu ben porque en decembro chegamos con bastante carga e serviunos para repoñer enerxías, descansar un pouco e estar ben psicoloxicamente” explicaba a meta burelista, Joziane de Oliveira.

Na Bomboneira recalará o equipo da porteira ex-laranxa Andrea, na sétima praza, con tan só 4 puntos por baixo da cuarta galega. “Vén un equipo moi competitivo que está bastante preto na táboa. Logo dun parón tan longo, traballar sobre todo en defensa daranos seguridade para afrontar o partido e exploraremos as posibilidades de contraataque. Ao xogar na casa, eu espero que o partido se poña ao noso favor, pero se non é así teremos que ir presionar máis para buscar o resultado positivo”, reflexionaba a 1 burelista, confesando os seus obxectivos para 2017: “Seguimos no proceso de facer equipo, este ano seguimos pensando en mellorar, no traballo diario e que poidamos chegar ao final de liga satisfeitas co noso rendemento”.

O comezo de 2017 tamén trae para as mariñás compromiso de semifinais en Copa Galicia, o 28 de xaneiro, na pista do Ourense Envialia. “É un reto que está ao noso alcance outra vez, oxalá poidamos estar de novo na final xa que o ano pasado foi así”, falaba así a brasileira da cita irmandiña.

Lucas e Julio Delgado terán como dubida a Dany, por torcedura nun nocello durante o adestramento de onte; Shiori incorporarase hoxe ao traballo do grupo e Cilene chegará mañá desde Brasil. A última sesión está prevista para mañá pola mañá.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.