18/11/2016

Vista Alegre despídese con Móstoles ata 2017

Vista Alegre despídese con Móstoles ata 2017

O Pescados Rubén-Burela FS recibirá mañá o FSF Móstoles (18.30 horas), cita de despedida de Vista Alegre con Primeira RFEF ata 2017. A 11ª xornada será a penúltima antes do descanso de decembro, no que se disputará o Torneo Internacional 4 Nacións de Alcázar de San Juan (8-10 de decembro); antes, o 26 de novembro, as pupilas de Lucas e Julio Delgado terán que visitar o Universidad de Alicante.



“Xogar contra Móstoles é sempre complicado; é un equipo moi guerreiro. As súas mensaxes en redes sociais sobre o “Espremedor Laranxa” tomámolas como unha broma pero tamén como unha motivación para poder impoñer o noso ritmo de xogo na nosa casa e coa nosa afección para saír cos tres puntos”, explicaba a pichichi laranxa Dany Domingos, orgullosa dos seus 12 goles ata o momento que a posicionan como a referencia ofensiva indiscutible das galegas: “Gústame ter esta responsabilidade de poder axudar o meu equipo e as miñas compañeiras e ser referencia para as que están comezando agora e sigo traballando para axudar”, que aposta para mañá por “un contragolpe decisivo, facéndonos infranqueables en defensa”.




As burelás defenderán a cuarta praza (21 puntos) fronte ao undécimo clasificado (12 puntos), que chega á Mariña con catro derrotas consecutivas. “Despois da sufrida remontada do sábado en Leganés (2-4), estamos con moito ánimo e con ganas de seguir a boa etapa, intentar mellorar partido a partido, resolver as dificultades que estamos tendo en ataque e ter todas as xogadoras ao cento por cento. Fáltanos compenetración pola adaptación das incorporacións brasileiras e das rapazas novas, que estaban noutra categoría, pero con tempo, paciencia e traballo solucionarémolo” confesaba a 3 laranxa.




No vestiario burelista, R. Betim será baixa sobre tres semanas por unha rotura de fibras. Paula será dúbida de última hora; tampouco chegarán ao cento por cento nin Cilene nin Dany, por tendinite.




A luguesa Sabela Uriz, unha das caras novas desta tempada xunto a Helena, Sofía e Elvira, non continuará na disciplina laranxa, que lle agradece a dedicación prestada durante estes meses e lle desexa sorte nos seus novos proxectos.



Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Silvia, 10. Lara, 13. Nerea, 14. Bea Mateos, 15. Judith, 16. Cilene, 17. Sofía, 18. Shiori, 19. Paula, 26. Elvira

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.