28/10/2016

Emoción de derbi en Poio con TVG2

Emoción de derbi en Poio con TVG2

O Pescados Rubén Burela FS vivirá mañá o seu primeiro Derbi Irmandiño a domicilio da tempada na pista do Pescamar Poio FSF, con emisión en directo de TVG2 (municipal de Poio, 16.30 horas) LIGAZÓN. “Temos que estar concentradas para volver cos tres puntos e seguir medrando na táboa” advertía unha das caras novas, Rarine Cristina dos Santos Betim, que regresou este mércores ás pistas, no pase a semifinais de Copa Galicia das mariñás, logo de case tres semanas por unha rotura de fibras.



Desde a terceira praza, con 15 puntos, as burelistas buscarán a quinta vitoria consecutiva fronte a un rival que ocupa a zona media da táboa, con 11 puntos, e que só sucumbiu a domicilio, en Alacante (4-1) e Gironella (2-1). No municipal, o conxunto da ex-laranxa Ceci contabiliza 2 empates (Ourense 1-1 e Roldán 2-2) e un triunfo (2-1, Móstoles).



Mañá o olfacto goleador de R. Betim volverá estar a disposición de Lucas e Julio na liga; ata o momento xogou 3 partidos e marcou 2 goles. “Quen traballa sempre ten recompensa, pero creo que os goles sempre son importantes si veñen acompañados de vitorias. Grazas ás miñas compañeiras estou atopando o gol; oxalá poida seguir así, con goles e triunfos” explicaba a ala do Pescados Rubén, integrada por completo xa na dinámica do conxunto: “É un bo grupo, con xogadoras unidas. Eu vin co obxectivo de sumar para o equipo e axudar a que o Pescados Rubén continúe mantendo o seu nivel; estou traballando forte para poder axudar sempre e estar á disposición de Lucas e Julio”.
 
“Espero que esta nova etapa sexa moi boa, identifiqueime coas compañeiras e co equipo desde o principio; espero ser parte da historia do Burela” falaba así das súas metas a 7 laranxa, inmersa nunha experiencia que sempre desexou: “A liga española ten un gran nivel técnico; calquera xogador soña con estar algún día en Primeira División en España. Neste país o fútbol sala feminino ten un valor e un recoñecemento que no Brasil infelizmente non ten”.



Nas filas laranxas, Shio e Dany chegan con molestias. A expedición partirá mañá, ás 10.30 horas.



Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Silvia, 7. R. Betim, 10. Lara, 13. Nerea, 14. Bea Mateos, 15. Judith, 16. Cilene, 17. Sofía, 18. Shiori, 19. Paula, 26. Elvira

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.