21/10/2016

Tres primeiros puntos, con derbi frenético ante o Santiago (6-5)

Tres primeiros puntos, con derbi frenético ante o Santiago (6-5)
Vista Alegre viviu un Derbi Irmandiño de espectáculo esta tarde nunha traballada vitoria do Pescados Rubén, cos primeiros puntos da tempada, fronte ao Santiago Futsal (6-5). Os de Daniel Ibañes chegaron ao descanso con vantaxe de 3-1 e souberon mitigar as tentativas dos de Compostela nun segundo período de alternancias.

O Santiago Futsal saíu con máis soltura e intentou asestar de inicio, con Palmas, xa no minuto 3, ante un atento Álex. A primeira dos mariñáns protagonizouna Petry, no 6, salvando Mella co pé. Cando mellor estaba o Pescados Rubén estreou Antoñito o luminoso, desde saque de esquina; cumpríase o ecuador da primeira parte. Continuou gañando en protagonismo o cadro de Daniel Ibañes, que ampliou a fenda no 14, cunha recuperación de Petry, que conseguiu irse da defensa e coar o coiro cruzando raso ao pau. Coa vantaxe de 2-0, o encontro adquiriu un ritmo frenético, con ocasións de Tallón polos composteláns e Chano polos mariñáns; o correcalles favoreceu aos de Santi Valladares, co 2-1 anotado por Álex Diz, ao segundo pau, no minuto 16. Chema Mella salvou aos composteláns do terceiro, nas zapatillas de Bellvert, pero nada puido facer co dobre penalti de Matamoros (minuto 18) tras a sexta falta, de Alemao.

Regresaron acertados os laranxas ao parqué; tan só transcorrera un minuto e cinco segundos de xogo cando Iago Míguez rubricaba o 4-1, malia a insistencia, e o agarrón, da defensa compostelá por frear a galopada do burelo. En defensa tamén volveron con bo pé, aínda que acumulando máis faltas; frearon entre Álex e Bellvert, a ferinte dobre tentativa de Antonio Diz, segundos despois. O meta mariñán tamén mostrou a súa solidez, no 26, fronte a Palmas, cunha gran lea na área. Aguantando así, chegou outra oportunidade de ouro para os de Daniel Ibañes, con Iago Rodríguez, de lonxe, para anotar o quinto (minuto 26). Apostou o Santiago por Álex Diz como porteiro xogador buscando a sexta falta dos laranxas; así puido reducir o cadro visitante ata o 5-3 en tan só 2 minutos (29 e 31) con dúas penas máximas de Catela. Contivo o asedio visitante o Pescados Rubén ata que no 37 Armando reduciu a 5-4, aproveitando un rexeitamento; antes os de Daniel tiveran dúas oportunidades a porta baleira. O pau freou o penalti de Chano e estalou Vista Alegre na recta final cun último minuto de infarto; Iago Rodríguez recuperou certa tranquilidade para os da casa co 6-4, a porta baleira, a falta de 39 segundos para a bucina final. Armando volveu atopar a rede laranxa a falta de 18 segundos, co definitivo 6-5.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Álex, Iago Míguez, Matamoros, J. Bellvert, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Chano, Isi, Iago Rodríguez, Petry, Cuco, Hélder

Santiago Futsal: Chema Mella Dani Montes, Palmas, Alemao, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron Tallón, Catela, Armando, Santi, Pablo Mel, Antonio Diz

Goles: 1-0, minuto 10, Antoñito; 2-0, minuto 14, Petry; 2-1, minuto 16, Álex Diz; 3-1, minuto 18, Matamoros (d.p.); 4-1, minuto 22, Iago Míguez; 5-1, minuto 26, Iago Rodríguez; 5-2, minuto 29, Catela (d.p.); 5-3, minuto 31, Catela (d.p.); 5-4, minuto 37, Armando; 6-4, minuto 39, Iago Rodríguez (porta baleira); 6-5, minuto 39, Armando

Árbitros: Cid Bragado // Martínez Torres (Galicia). Por Pescados Rubén, amarela a Isi (minuto 23). Por Santiago amarela para Alemao (minuto 18), Santi (minuto 22), Álex Diz (minuto 38), Chema Mella (minuto 38), Catela

Incidencias: Terceira xornada de Primeira Division LNFS disputada en Vista Alegre ante 800 espectadores

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.