29/09/2016

Vista Alegre estende a alfombra vermella para o Burela Bonita

Vista Alegre estende a alfombra vermella para o Burela Bonita

O gardameta Joan Miñano Jiménez (Santa Coloma de Gramanet, 1993) estreará mañá o 20 laranxa ante a bancada de Vista Alegre no Torneo Burela Bonita (30 de setembro-1 de outubro), na presentación 2016-17 do Pescados Rubén-Burela en forma de cuadrangular xunto á crema do futsal de Primeira División, con Movistar Inter e Palma Futsal, e de Galicia, con Santiago Futsal. “Xogamos dous amigables, pero con seis semanas xa de pretempada apetecíanos xogar con rivais de Primeira División” transmitía así una das dúas incorporacións ao proxecto burelista, xunto ao ala madrileño Cuco, no novo periplo dos de Daniel Ibañes.

O catalán, procedente do FC Barcelona B, non esconde a súa emoción polo debut na Bomboneira nun termómetro do potencial laranxa con espectáculo garantido para os seareiros: “Esperamos que a afección nos acompañe; mañá comezaremos con derbi galego e o sábado cruzarémonos con Movistar ou Palma -dous partidos de luxo-. Esperamos demostrar todo o que traballamos ao longo deste mes; aos poucos imos avanzando. Esta fin de semana verase se estamos ben no nivel de competición ou se necesitamos traballar máis de cara á liga”.

“Sentinme acollido desde o primeiro momento, atopeime cómodo desde a primeira semana, ademais comparto piso con compañeiros do equipo e iso sempre favorece a fortalecer o grupo” recoñecía así Miñano a súa doada integración na dinámica mariñá, compartindo responsabilidades de momento con Álex baixo os paus: “É un porteiro da miña idade, que non coñecía persoalmente; estamos adestrando os dous bastante duro e a competencia fainos mellorar aos dous. En canto se incorpore Edu será un máis para competir; tan só queda traballar e mellorar entre todos”, concluía o 20 burelista con ganas de que o balón de Primeira comece xa a rodar.

Entradas. Para os socios/as habilitarase un único bono para os catro encontros, 10 euros/adult@ e 5 euros/menor de idade. Os non socios/as deberán adquirir unha entrada por cada xornada ao prezo de 10 euros/adult@ e 5 euros/menor de idade por día. A taquilla de Vista Alegre abrirase o venres ás 17.30 horas; os bonos/entradas tamén se poderán retirar esta tarde na sede laranxa (ata as 19.00 horas) e mañá pola mañá (ata as 14.00 horas).

Venres 30 de setembro

19.00 horas. Semifinal 1: Movistar Inter FS-Palma Futsal
21.00 horas. Semifinal 2: Pescados Rubén Burela FS-Santiago Futsal

Sábado 1 de outubro

19.00 horas. 3º e 4 POSTO: Perdedor Semifinal 1-Perdedor Semifinal 2
21.00 horas. FINAL: Gañador Semifinal 1-Gañador Semifinal 2


En directo por streaming. Os catro partidos do torneo tamén poderán seguirse en directo por streaming, coa colaboración de Pasión Media. LIGAZÓN

Convocatoria Pescados Rubén-Burela FS: 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 10. Matamoros, 11. Chano, 12. Petry, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Jorge Bellvert, 19. Aarón, 20. Miñano, 23. Antoñito, 27. Renato, 30. Hélder
 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.