04/08/2016

Arranque feminino o 8 de agosto, con Lucas e Julio á fronte

Arranque feminino o 8 de agosto, con Lucas e Julio á fronte

O CD Burela FS Pescados Rubén comezará a pretempada feminina o vindeiro luns, 8 de agosto (19.30 horas), con Iván Cao ‘Lucas’ e Julio Delgado á fronte. O presidente da entidade, Manuel Blanco, e o directivo Auditor Rodríguez, recibiron os técnicos na sede laranxa para selar a súa continuidade e abordar algúns aspectos da volta ao traballo.



“Serán catro semanas de traballo, coa quinta na que comeza a liga. Da Supercopa –que se disputará antes- aínda non recibimos información e despois intentaremos chegar nas mellores condicións a un comezo de liga moi complicado para competir contra eses tres grandes equipos que tocan nas primeiras xornadas” adiantaba Lucas, totalmente centrado en “traballar un cadro que manteña a ilusión do ano pasado, unha ilusión que conseguimos transmitirlle á afección e que nola devolveu con creces e intentar competir o máximo posible” como explicaba Julio Delgado, compartindo responsabilidades no apartado técnico e incidindo na relevancia desta preparación inicial porque se aveciña “unha tempada que se nos vai facer longa, con varios paróns”.



Despois de tempada e media cóbado con cóbado, o focego e o salmantino teñen un novo reto por diante. “Levamos ano e medio traballando xuntos e a experiencia é marabillosa. O labor entre os dous, como marcou o tempo, estanos facendo máis grandes. Creo que o traballo e a ilusión son as nosas mellores armas” confesaba Julio, coincidindo con Lucas: “Tivemos grandes cambios, con grandes xogadoras que se foron e que o equipo vai notar, pero mantemos outras que tamén foron moi importantes e que terán que selo aínda máis este ano; tamén disporemos de xogadoras novas que esta tempada terán que dar un paso adiante para axudar ao equipo” explicaba Lucas, ademais de facer referencia a posibles fichaxes nas que está traballando o club, para seguir competindo. “Os obxectivos serán a longo prazo. Con traballo e ilusión todo é posible. Imos traballar con moita ilusión e os resultados irannos dicindo. Con tempo o equipo será forte e poderemos pelexar contra calquera” así falaba o mariñán do potencial deste novo proxecto que encamiña 2016-17.



Ambos os adestradores, que coñeceron o fútbol sala feminino de primeira man ao asumir as rendas do equipo burelista, apostan por unha tempada de traballo gratificante e un vestiario unido para seguir crecendo: “Sénteste orgulloso do traballo e dos resultados, pero á parte dos éxitos deportivos a relación persoal é o que queda. É un labor difícil pero tamén moi enriquecedor. Espero seguir con esta experiencia, para seguir medrando como profesional e como persoa” puntualizaba Julio Delgado.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.