10/06/2016

Alcorcón, primeiro óbice para o Triplete (con Teledeporte)

Alcorcón, primeiro óbice para o Triplete (con Teledeporte)

Tan só unha semana despois da consecución de liga, as campioas laranxas volverán este sábado ao parqué en busca do triplete con Cidade de Alcorcón como primeiro óbice na XXII Copa de España, que espera o CD Burela FS Pescados Rubén coa estola de anfitrión e desde a terceira praza da táboa. As de Lucas saltarán á pista de Los Cantos ás 19.00 horas coñecendo xa o nome do primeiro primeiro finalista, entre Altético de Madrid Navalcarnero e UA Alicante (17.00 horas), segundo e cuarto clasificados en liga respectivamente. A gran cita polo título disputarase o domingo ás 12.00 horas.



“Acumulamos moito cansazo; chegamos un pouco xustas de forza, pero intentarémolo suplir coa grande ilusión e afán de superación que sempre nos caracterizou e que nos fixo chegar ata aquí” explicaba o técnico laranxa tras o último adestramento da semana, restando importancia ao cartel de favorito: “Non temos a presión que quizais poida ter Navalcarnero, por conseguir un título na tempada, ou Alcorcón, ao xogar na súa casa; para nós é a clausura perfecta do mellor ano do equipo e aínda o podemos despedir moito mellor. Todo o que poidamos conseguir na Copa será un premio para o equipo, para o club e para a afección” explicaba exultante Lucas co seu novo look xa retocado, tras cortar a coleta a semana pasada en Logroño como promesa por gañar o título.



Incidindo na complexidade de calquera dos posibles rivais, o adestrador mariñán advertiu sobre a sintonía de individualidades e xogo de equipo do rival. “Ten a xogadoras como Anita Luján e Belén que che poden gañar o partido elas soas, sen deixar de basear o seu xogo no bloque”.



Nos seus dous enfrontamentos de liga, o Pescados Rubén soubo resolver a contenda con 2-3 e 4-2 ao seu favor.



A expedición mariñá partirá este mediodía (14.00 horas) cara ao reto copeiro, coas baixas de Shio, Emma e Lara e algunhas molestias. “Peque chega con sobrecarga, Gaby aínda non está ao cento por cento do seu xeonllo e Ceci estase recuperando dunha escordadura de nocello. “Xa nos sobrepuxemos a situacións peores e esta vez non será diferente” concluía Lucas, convencido de que a coraxe e a actitude das xogadoras laranxas volverán ser a  arma a bater.



CD Burela FS Pescados Rubén: 1. Jozi, 3. Dany, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 11. Ceci, 13. Andrea C., 14. Bea Mateos, 15. Judith, 17. Maite, 25. Silvia Rubal, 31. Eva



Teledeporte



A canle temática de Deporte da Corporación de Radio e Televisión Española (RTVE) emitirá en directo os dous encontros de semifinais (sábado 17.00 e 19.00 horas) e en diferido a final do domingo a partir das 15.30 horas.



Apoio pataqueiro



Máis de medio cento de socios da peña A Pataca Naranxa desprazarase a Alcorcón para apoiar as campioas de liga no seu próximo desafío competitivo, aos que se unirán afeccionados en vehículos particulares e o grupo máis ‘ultra’, que xa estivo nas bancadas de Logroño na última xornada.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.