29/04/2016

Brillo e vitoria en Vista Alegre, sen play off

Brillo e vitoria en Vista Alegre, sen play off
Vista Alegre viviu unha tarde de brillo laranxa na despedida da tempada. Os de Daniel Ibañes competiron para gañar fronte a UMA Antequera; remontaron o rápido gol dos andaluces e ampliaron distancias ata 5-3 soñando co premio do playoff que finalmente caeu en mans do Peñíscola con empate ante Magna Gurpea.

Malia levar a batuta desde o inicio os de Daniel, foron os andaluces os protagonistas da estrea, con Miguel Conde, xa no minuto 3. O Pescados Rubén mantivo control e posesión ante un UMA ben plantado; Chano avisou pouco despois ao largueiro e Iago Míguez topándose con Fali, pero a defensa sureña nada puido facer fronte ao mísil de Petry desde os once metros. Un gol que valeu o empate no que o brasileiro se tivo que retirar por molestias nunha perna. Co paso dos minutos os andaluces repregaron filas, xerando perigo á contra. Álex sacou unha man prodixiosa fronte a Luciano e continuou na busca do gol o Burela FS; Chano volvía facer tremer os paus á escuadra no 16. A falta de pouco máis dun minuto para o descanso, Vista Alegre estalou de xúbilo co gol de Bellvert que fixo oco desde a banda para plantarse sen contemplacións fronte a Alberto e superalo.

O pau encargouse de desbaratar o terceiro dos mariñáns, cunha vaselina de Isi, xa no minuto 23. Mantivo o electrónico sen alterarse Álex pouco despois impasible ante dobre fogonazo de Tete. Meteron unha marcha máis os de Daniel no asedio da rede de Antequera; tras contra de Chino, no 25, e chegada dubitativa de Antoñito no 26, o 23 laranxa tan só tivo que empuxar unha brillante xogada individual de Iago Míguez para subir o 3-1 (minuto 27). Unha das Xoias Laranxas, Renato, ampliou a fenda no minuto 33, de rexeite. Reaccionou o UMA con xogo de cinco acto seguido. Tras falta de Jorge Bellvert, Tete reduciu distancias no 34, de dobre penalti. Apertou as cousas Antequera, gozando das súas mellores ocasións, con Fali anotando o 4-3 (minuto 35) desde a frontal nun rexeite. Volveu o frenesí para a Marea Laranxa a falta de pouco máis de tres minutos co 5-3 de Jorge Bellvert, asistido por Antoñito. Todo estaba de cara, pero a falta de 1 minuto 21 segundos Peñíscola empatou 4-4 na casa do Xota e fíxose co máis que merecido premio da Familia Laranxa.

Ficha técnica

CD Burela FS Pescados Rubén: Álex, Iago Míguez, Petry, Jorge, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Chano, Iago Rodríguez, Isi, Chino, Renato, Carlitos

UMA Antequera: Alberto Porcar, Cecilio, Miguel Conde, Javi Sánchez, Tete, cinco inicial; tamén xogaron Claudio, Javi Atienza, Armando, Fali, Crispi, Luciano

Goles: 0-1, minuto 3, Miguel Conde; 1-1, minuto 6, Petry; 2-1, minuto 18, Jorge; 3-1, minuto 27, Antoñito; 4-1, minuto 33, Renato; 4-2, minuto 34, Tete (dobre penalti); 4-3, minuto 35, Fali; 5-3, minuto 36, Jorge

Árbitros: Contreras Tejedor // Pérez Álvarez (Castela e León). Por Burela FS, amarela a Iago Rodríguez (minuto 13), Isi (minuto 29), Álex (minuto 35), Iago Míguez. Por Antequera amarela Cecilio

Incidencias: Partido correspondente á 30ª xornada da Primeira División da LNFS disputado en Vista Alegre. Arredor de 900 espectadores.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.