16/04/2016

CD Burela FS Pescados Rubén 1-8 ElPozo Murcia

CD Burela FS Pescados Rubén 1-8 ElPozo Murcia
O Burela FS Pescados Rubén viviu unha das súas tardes máis desafortunadas en Vista Alegre hoxe fronte ao sempre impoñente ElPozo Murcia (1-8). A actitude e as ganas dos mariñáns, que sabían que o encontro de hoxe se suscitaba como unha gran xesta, non foron suficientes para bater a determinación do Bronce de Primeira, que puxo a remontada para os laranxas pouco accesible, con 0-4 xa ao descanso.

Jé estreou o luminoso no minuto 5, tras perda de Iago Míguez. O tándem dos Iago dispuxo dunha grande ocasión na área visitante para igualar no minuto 12, quizais a mellor ata o momento; non callou e aproveitaron poucos segundos despois os de ElPozo, co 0-2 de Marinovic, tras rexeite de Álex fronte a Adri. No 14, Matteus ampliou a fenda sorprendendo a Álex, que perdeu a traxectoria do esférico tapado pola defensa burelista. A falta de cinco minutos para o descanso, os de Daniel buscaron a remontada con Iago Rodríguez de azul. Fabio estivo correctísimo ante as perigosas accións de Antoñito e Chino; Iago Míguez, pouco despois, a punto estivo de anotar o 1-3 de disparo cruzado, pero foise desviado por nada, e acto seguido intentou sorprender Jorge desde máis lonxe. Cando máis estaban pelexando e merecendo o gol os de Daniel Ibañes, chegou o cuarto dos visitantes a porta baleira, de Juampi, tras perda de Chano.

No segundo acto, cun lastre demasidado pesado, a fortuna non se aliou cos mariñáns. Aos 47 segundos de volver á pista, subiu o 0-5, cun balón que esperaba Jé ao bordo da liña de meta e que intentou despexar Jorge sen éxito. Intentaron manter a compostura os laranxas e salvar o partido con moitos minutos aínda por diante; tras boas tentativas de Chino, ao corpo de Fabio, e Jorge, ao pau, Adri rubricou o 0-6 no minuto 26, tocando outra vez en Jorge antes de perforar a rede. Superada a medianía e logo dunha gran diagonal de Chano na área murciana fronte ao muro infranqueable de Fabio, volveu Iago Rodríguez a liderar o xogo de cinco e atopou o merecido gol do honor (minuto 32). Seguiu apostando o Pescados Rubén polo porteiro xogador para recuperarse e intentar endereitar o rumbo nos últimos sete minutos; o contundente ElPozo Murcia, con Matteus, ampliou distancias ata o final 1-8, a porta baleira no minuto 5 e en xogada individual a falta de 46 segundos.

Ficha técnica

CD Burela FS Pescados Rubén: Álex, Iago Rodríguez, Carlitos, Jorge, Chino, cinco inicial; tamén xogaron Iago Míguez, Isi, Chano, Antoñito, Alemán

ElPozo Murcia FS: Fabio, José Ruiz, Juampi, Adri, Marinovic, cinco inicial; tamén xogaron Matteus, Jé, Fernando, Lolo Suazo, Josema, Elías

Goles: 0-1, minuto 5, Jé; 0-2, minuto 12, Marinovic; 0-3, minuto 14, Matteus; 0-4, minuto 19, Juampi; 0-5, minuto 21, Jé (p.p. de Jorge); 0-6, minuto 26, Adri (p.p. de Jorge), 1-6, minuto 32, Iago Rodríguez; 1-7, minuto 35, Matteus;1-8,minuto 39, Matteus.

Árbitros: Redondo Arenales // Viedma Martín (Castela e León). Por Burela FS amarela a Álex (minuto 21), Iago Rodríguez (minuto 22)

Incidencias: Partido correspondente á 28ª xornada da Primeira División da LNFS disputado en Vista Alegre. Arredor de 1.100 espectadores.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.