12/03/2016

Vitoria solvente do Burela Pescados Rubén ante un entusiasta Majadahonda

Vitoria solvente do Burela Pescados Rubén ante un entusiasta Majadahonda
Cómoda vitoria do Burela Pescados Rubén ante o Majadahonda FSF Afar4 por 6-1 nun duelo de control burelao durante os corenta minutos. O conxunto madrileño salvou os mobles no primeiro periodo pero na segunda parte non puido conter a superioridade local. As mariñás abriron pronto o marcador cun tanto en propia porta de Elena e co 1-0 o efecto sorpresa das visitantes desapareceu. O Burela controlaba o partido e gozou de ocasións para aumentar a súa renda aínda que sen fortuna, no ecuador do primeiro periodo o Majadahonda estirouse un pouco e logrou xerar un par de ocasións para roldar o empate que non chegou. Ao filo de descanso Ceci aproveitou unha xogada de Peque para marcar o 2-0 co que se chegou ao intermedio. Tralo paso por vestuarios o Burela Pescados Rubén mantivo o seu dominio ante un entusiasta Majadahonda que se viu abrumado en canto as laranxas apertaron un pouco o acelerador. Maite e Peque transformaron o control burelés nunha maior distancia no electrónico (4-0). Nun par de minutos o Burela sentenciaba o partido aínda que as madrileñas recortasen distancias co 4-1 logrado por Gabriela. Apenas puido saborear o tanto a escuadra visitante xa que de novo o dúo dinámico formado por Peque e Maite apareceu en escena para marcar o 5-1 e 6-1, respectivamente. O Majadahonda probou fortuna co xogo de cinco sen éxito algún e o partido foise diluíndo ata o pitido final que certificou a vitoria burelesa. Ficha técnica CD Burela FS Pescados Rubén: Andrea, Peque, Ceci, Bea Mateos, Dany -cinco inicial -Claudia, Lara, Maite. Majadahonda FSF Afar4: Laura, Arantxa, Elena, Celia, Mónica –cinco inicial -Gabriela, Marta Rodríguez, Peque. Goles: 1-0, min.3 Elena (p.p); 2-0, min.20, Ceci; 3-0, min.27, Maite; 4-0, min.28, Peque; 4-1, min.29, Gabriela; 5-1, min.30, Peque; 6-1, min.31, Maite. Árbitros: González Alvedro, Martínez Pena. A Coruña Incidencias: Partido correspondente á 20ª xornada de Primeira División RFEF, disputado no pavillón Vista Alegre de Burela, 150 espectadores.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.