09/03/2016

Volvemos soñar?

Volvemos soñar?
Pouco máis de 24 horas restan para que o CD Burela FS Pescados Rubén e a Marea Laranxa volvan soñar cunha das grandes citas a tempada, gozar do gran premio que os de Daniel Ibañes gañaron nun encontro decisivo de infarto en decembro. Co billete entre os oito mellores da primeira volta, espéraos a XXVII Copa de España Guadalajara 2016 co orgullo e a responsabilidade de inaugurar a competición fronte ao Catgas E. Santa Coloma (xoves 10, 19.00 horas). Todo está a punto para vivir o mellor espectáculo de fútbol sala coa emisión en directo de Teledeporte.

E por que non? O Pescados Rubén plantarase no Palacio Multiúsos de Guadalaxara para repetir a fazaña de Cidade Real. Chega, medrando ante as adversidades, para apropiarse dunha das prazas de semifinais: “Imos á Copa con moita ilusión e con ganas de repetir o do ano pasado. Fisicamente chegamos como case todo o ano, con algunha ausencia, pero todos os que chegan estarán ben para intentar facer un bo partido. Todos os equipos chegamos moi motivados porque son eliminatorias a un só partido, non como o play off. As forzas están repartidas ao 50% e pode pasar de todo, aínda que logo das sorpresas de Cidade Real este ano os favoritos están máis atentos”, explicaba Daniel Ibañes, en vésperas do evento.

Catgas e Burela FS recalan en Guadalaxara pelexando por outra das grandes recompensas da liga, o play off, coa sétima posición (31 puntos) para os de Xavier Passarrius e a novena para os laranxas (28 puntos). “Con Santa Coloma xa nos enfrontamos dúas veces en liga este ano nuns encontros intensos e de moitos goles. Creo que con concentración, sobre todo, e estando os corenta minutos metidos no partido poderemos pelexar por seguir gozando da Copa” advertía o técnico facendo referencia ao reparto de vitorias con 5-8 para os da Mariña na primeira volta e 1-6 para os de Santa Coloma hai un par de semanas en Vista Alegre. A finalización de Chino (18 goles), que alzou o título o ano pasado con Jaén Paraíso Interior, baterase en duelo directo coa pegada infalible dos cataláns, liderada por Adolfo (22 goles) e Dani Salgado (21 goles).

A expedición de Daniel Ibañes, arroupada por máis de medio centenar de afeccionados burelistas e da Pataca Naranxa, estará composta por: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 11. Chano, 12. Petry, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Jorge Bellvert, 19. Aarón, 20. Chino, 23. Antoñito, 27. Renato, 28. Rubén, 30. Hélder. Jorge Matamoros non poderá participar pola súa lesión de xeonllo.

O vestiario mariñán realizará a última sesión ante da xesta copeira esta tarde xa en Guadalaxara ás 18.30 horas.

Xoves 10 de marzo

19.00 horas: Catgas E. Santa Coloma-CD Burela FS Pescados Rubén

21.15 horas: Movistar Inter-Palma Futsal

Venres 11 de marzo

19.00 horas: ElPozo Murcia-Aspil Vidal Ribera Navarra

21.15 horas: FC Barcelona-Magna Gurpea

Sábado 12 de marzo

18.00 horas: Semifinal Vencedores do xoves

20.15 horas: Semifinal Vencedores do venres

Domingo 13 de marzo

20.15 horas: Final

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.