O ala-pivote brasileiro Bruno Petry, reforzo invernal para os laranxas
O ala-pivote Bruno Petry Branco (Correia Pinto, SC, 1989) debutará no fútbol sala español defendendo a elástica do CD Burela FS Pescados Rubén ata final de tempada. O presidente laranxa, Manuel Blanco, e o fundador de Pescados Rubén, Rubén Blanco, acompañaron o brasileiro na súa presentación oficial, que recala na Mariña tras conquistar o Campionato Paranaense e a Copa de Campións en 2015 co CAD Guarapuava.
“Son un xogador intenso ofensivamente e gústame moito xogar en grupo tacticamente. Burela pode esperar un xogador con vontade de vencer e de traballar en equipo para conquistar os obxectivos” así se daba a coñecer Bruno nas súas primeiras horas xa como o novo 12 laranxa, moi ilusionado e motivado por esta nova experiencia deportiva e persoal: “Sempre foi unha aspiración deportiva xogar en España, o meu bo papel na liga nacional en 2015 brindoume esta posibilidade. Síntome honrado pola oportunidade que me concedeu o Burela FS” confesaba Bruno, recoñecendo tamén que recibiu máis tentacións de Primeira LNFS.
Atraído pola seriedade do club e a tranquilidade dunha pequena localidade, o novo ala-pivote, recoñecido no seu país como o mellor xogador da liga co título Craque do Povo LNF 2015 a través votos da afección en redes sociais, conta as horas para empezar a traballar: “A primeira impresión é dun equipo profesional e organizado. Estanme tratando da mellor forma posible; todo ese agarimo e atención están facilitando moito a miña entrada aquí. Necesitarei algúns días de adaptación, pero despois irá todo moi ben porque a española é unha das mellores ligas para xogar ao fútbol sala. Creo que será todo moi doado, xa estou desexando que chegue o luns para empezar a traballar e ir coñecendo aos poucos aos compañeiros” explicaba Bruno.
Desde o club burelista, Manuel Blanco aplaudiu a chegada do brasileiro “como unha incorporación que nos achegará vitalidade e contundencia para complementar a finalización dun equipo que, tras a clasificación para a Copa de España, seguirá traballando para traer máis alegrías á Mariña”.
Categorías
- Actualidade
- Reportaxes
- Equipo masculino
- Equipo femenino
- Pioneiras
- Historia
- Turismo
- Educación
- RSC
- Institucional
- Patrocinadores
Reportajes
Noticias destacadas