15/12/2015

O Burela FS recibe o Poio en Copa, con taquilla solidaria (mércores 16, 20.00 horas)

O Burela FS recibe o Poio en Copa, con taquilla solidaria (mércores 16, 20.00 horas)

O CD Burela FS Pescados Rubén de Primeira RFEF despedirá o ano cunha durísima semana, con dous encontros copeiros e un de liga. Comezará mañá, na casa, coa visita en Copa Galicia do Poio Pescamar FSF, a partir das 20.00 horas. Este será o último encontro laranxa sénior de 2015 en Vista Alegre; o custo da entrada será de 1 euro e a recadación destinarase á Asociación Protectora de Animais Bigotes, de Burela.



“A semana pasada xa foi complicada, con tres partidos de liga, e esta volverá ser moi difícil con outros tres encontros e un desprazamento moi longo. Non entanto volvemos aos adestramentos moi ben; a vitoria ante o Navalcarnero dá aínda máis ganas de seguir así e seguir traballando, aínda que se fai duro coas ausencias de Shio e Claudia” explicaba Judith, a benxamina laranxa, que estreou a súa conta goleadora no primeiro compromiso de Copa, co Leis Marcón anotando o definitivo 1-6.



Aos seus 17 anos, a ala-peche, que chegou esta tempada procedente do CD Adarve Lugo, irradia motivación e ilusión polos catro costados no seu día a día. “Está sendo unha experiencia incrible. Ao comezo custoume a diferenza de ritmo e tamén estar fóra da casa, bótase de menos a familia, pero agora cada día traballo con máis ganas e teño unha pequena familia no equipo, que me arroupou moi ben” explicaba a xoia laranxa, que compatibiliza o fútbol sala cos estudos de 2º de Bacharelato no IES Monte Castelo. “Non teño tempo para nada, só para adestrar, ir á clase e estudar”, puntualizaba a xogadora.



Vista Alegre e a filosofía laranxa son a clave para sacar adiante a cita ante o Poio, segundo Judith.  “A priori é o compromiso máis complicado do grupo, cun rival da mesma categoría, con xente con experiencia, pero nós poñeremos todo o noso esforzo e ganas, e máis na casa, para avanzar na competición. Se me toca xogar uns minutiños axudarei en todo o que poida ao equipo e se vén outro gol, benvido sexa”, concluía a 15 burelista.




Traxectoria copeira



Ata o momento o cadro mariñán só se mediu ao Leis-Marcón, de Segunda División, impoñéndose 1-6. O xoves, pechará os compromisos da fase de grupos na pista do vigués Olivo FSF, de Autonómica, a partir das 21.15 horas.



Despedida en Roldán



A escuadra laranxa despedirá a liga de 2015 o sábado na pista do Jimbee Roldán FSF, ás 19.15 horas, sétimo clasificado.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.