14/11/2015

O derbi irmandiño queda na Mariña

O derbi irmandiño queda na Mariña
O Burela FS Pescados Rubén continúa coa súa dinámica positiva tras a vitoria no derbi irmandiño fronte a Santiago Futsal. Con 4-3, nunha cita de espectáculo e moito equilibrio sobre a pista, os de Daniel Ibañes conseguiron esta tarde tres puntos moi traballados; remontaron a contenda cunha segunda parte valente e intensa tras marchar ao descanso con 0-2 en contra.

Vista Alegre viviu uns primeiros compases de dominio laranxa, esperando o Santiago na súa pista; avisaron Jorge e Chano sobre a portería visitante. No minuto 5, o 11 burelista protagonizou a acción máis perigosa da cita ata o momento, que repeleu o pau. Con todo foi o Santiago Futsal o primeiro en adiantarse, no minuto 6, cun disparo de lonxe de Quintela que sorprendeu a Edu. Antes de cumprirse o ecuador da primeira parte, tiveron os mariñáns dúas oportunidades moi claras para empatar, Jorge Bellvert, tras recuperación de Iago Míguez, e Antoñito, nunha pelexa sobre a rede compostelá, que non superou a liña por milímetros. Rozando o minuto 16, a galopada de Chano, só ante Íker, viuse freada por decisión arbitral. Acto seguido, con cinco faltas para ambas as filas, Edu estivo sublime, despexando coas mans, ante unha opción de ouro de Quintela. A falta de pouco máis dun minuto para o descanso, Antoñito, nunha posición privilexiada fronte a Íker, non puido recoller o pase de Mata desde a banda. Pelexou o Burela FS pola igualada con Chino abandeirando o xogo de cinco, pero a fortuna deulle as costas; Pablo Mel incrementou a distancia compostelá a 0-2, a porta baleira.

O segundo tempo arrincou con intensidade e precisión local. En tan só dous minutos, Iago Rodríguez puxo o 2-2 ante a ovación de Vista Alegre; superou primeiro a defensa santiaguesa para introducir o esférico pegado ao poste e pouco despois aproveitou o rexeite de Íker a unha boísima tentativa de Iago Míguez. No 24, Catela non puido matar o rexeite do naronés ante Quintela e volveron á carga os mariñáns; no minuto 26, Íker salvou o 3-2 desde o chan na embestida entre Chino e Isi, pero non puido facer nada ante o disparo afastado do incisivo Chano. Impasible mostrouse Edu rozando a medianía do segundo tramo, con Antonio Diz (minutos 29 e 31) e Quique (minuto 30). Desde saque de esquina, o pichichi laranxa, Chino, finalizou o 4-2, e reaccionou o Santiago con xogo de cinco, con Álex Diz, buscando con éxito oco na defensa burelista; Quintela anotou o 4-3 desde o centro. Pero os Daniel Ibañes continuaron no seu empeño goleador; Chano e Chino perdoaron a porta baleira. Tras a expulsión de Quintela por dobre amarela, o Burela FS intensificou a súa avalancha ofensiva, aínda que non puido ampliar a fenda con Iago Míguez e Mata por arriba, Chano con Íker adiantado, e de novo Míguez ao corpo do meta compostelán.

Ficha técnica

CD Burela FS Pescados Rubén: Edu, Iago Míguez, Chano, Jorge, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Chino, Isi, Iago Rodríguez, Matamoros

Santiago Futsal: Íker Antonio Diz, Hugo Sánchez, Mel, Santi, cinco inicial; tamén xogaron Catela, Álex Diz, Quique, Quintela, Iván Rumbo, Dani M

Goles: 0-1, minuto 6, Diego Quintela; 0-2, minuto 19, Mel; 1-2, minuto 21, Iago Rodríguez; 2-2, minuto 22, Iago Rodríguez; 3-2, minuto 26, Chano; 4-2, minuto 33, Chinés; 4-3, minuto 35, Quintela

Árbitros: Cid Bragado // Martínez Torres (Galicia). Por Burela amarela a Jorge (minuto 31) e Iago Míguez. Por Santiago amarela a Antonio Diz (minuto 8), Quintela (minuto 9 e 37), Quique (minuto 31) e Íker (minuto 33)

Incidencias: Partido correspondente á décima xornada da Primeira División da LNFS disputado en Vista Alegre, con arredor de 1.100 afeccionados. Minuto de silencio en memoria das vítimas nos atentados de París.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.