04/06/2015

As laranxas pelexarán pola praza galega na final da Copa de España

As laranxas pelexarán pola praza galega na final da Copa de España

Ourense, Burela, Valladolid, Bilbao, Burela e agora Navalcarnero. A cor laranxa volverá brillar na Copa de España, por sexto ano consecutivo. O Burela FS Pescados Rubén pelexará por facerse coa praza galega na gran pugna polo título; para iso terá que conseguir o gran reto de bater o Cidade das Burgas, que rematou a competición ligueira na segunda praza, un punto por diante das mariñás.



O enfrontamento irmandiño será o encargado de abrir a festa do fútbol sala feminino por excelencia, o sábado, ás 10.30 horas, no pavillón madrileño de La Estación; a cita poderase seguir en directo por www.crtvg.es e en diferido por TVG2, ás 18.30 horas. A outra praza para a gran cita decidirase a partir das 13.00 horas, entre o anfitrión e gran favorito, Atlético de Madrid, campión de liga, e o cuarto clasificado, Universidad de Alicante.



A ilusión é gran bandeira coa que a escuadra da Mariña se volve plantar nunha das súas citas habituais, despois dunha excelente recta final. Xunto ao equipo estivo esta semana nun adestramento o xerente da empresa patrocinadora Galipizza, José Manuel Vázquez, para trasladar todos os seus ánimos e desexarlleS sorte ás embaixadoras laranxas.



As Burgas, que se estrea na Copa, e Pescados Rubén son dous equipos que se coñecen ben; vivirán un duelo que a priori decidirán os pequenos detalles. Nesta tempada medíronse en tres ocasións; en Vista Alegre os tres puntos levounos o conxunto ourensán (0-5), na segunda volta foron para as laranxas (2-3), que tamén se impuxeron nas semifinais da Copa de Galicia (1-2).



A expedición burelá sairá cara ao soño da Copa mañá, ás 10.00 horas. Na convocatoria estrearase a ala do equipo filial Carla Bolaños; Lara seguirá sen poder entrar, pola escordura de nocello; Maite, que adestrou baixo mínimos esta semana, viaxa con molestias, tras un pinchazo no aductor durante o quentamento en Pamplona o sábado pasado; e Patri será dúbida ata última hora, tras o adestramento de hoxe, no que se resentiu do xeonllo.



 



MOITA SORTE RAPAZAS! O CORAZÓN DA MARIÑA LATEXARÁ CON VÓS!




Convocatoria Burela Pescados Rubén: 1. Jozi, 3. Cristina, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 17. Maite, 13. Patri, 14. Bea Mateos, 19. Paula, 20. Carla Bolaños




Sábado 6 de xuño
Cidade de As Burgas – Burela FS Pescados Rubén - 10:30 horas
Atlético Féminas Navalcarnero – Universidad de Alicante – 13:00 horas (emitido por LaOtra, Telemadrid)




Domingo 7 de xuño
Final: 12:00 horas (emitido por LaOtra, Telemadrid)

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.