25/04/2015

O Burela FS clausura a tempada con vitoria ante o Jumilla (4-3)

O Burela FS clausura a tempada con vitoria ante o Jumilla (4-3)
O Burela FS Pescados Rubén clausurou esta tarde-noite a tempada con vitoria ante a afección de Vista Alegre, con tres puntos fronte ao Montesinos Jumilla FS. O conxunto laranxa di adeus á liga 2014-15 e o seu técnico dos últimos dous anos e medio, Juanlu Alonso, desde a novena praza (37 puntos) e un histórico debut na Copa de España revolucionando todas as quinielas.

Os mariñáns levaron a voz cantante no electrónico. Xa no minuto 5, Iago Míguez adiantaba os locais cun disparo cruzado raso, tras recoller un balón en profundidade e gañar as costas da defensa murciana. Chano, no 9, e Antoñito, no 11, non conseguiron ampliar a fenda, pero si o fixo Isi, no 12, nun lanzamento exterior no centro desde balón parado de Chano. O Montesinos reaccionou intensificando o seu ataque, con chegadas máis claras. No 13, Alamiro, ao bordo da liña de meta, e Corvo, á escuadra, non lograron o seu propósito; este último foi o encargado, acto seguido, de anotar o 2-1, aproveitando de lonxe un rexeitamento que tocou en última instancia en Chano. A falta de dous minutos para o descanso, Miguel soubo recuperar a tentativa de despexe murciano a Chano para o 3-1, aínda que na seguinte xogada volveu moverse o marcador a favor dos visitantes, cun balón que só tivo que empuxar Rubén Zamora, asistido por Corvo.

O 16 de Jumilla intentou sorprender a Edu tras o descanso, xa no minuto 22, cunha gran resposta do meta naronés desde o chan. Tan só, un minuto despois, contraatacou Antoñito cun balón perfecto cruzado que Chano estrelou contra o pau. Pero por fin chegou o gol, nas zapatillas do sempre inspirado Iago Míguez, que recolleu un balón centrado por Behroz (minuto 25). A punto estivo o 5 laranxa de ampliar distancias poucos segundos despois, pero non conseguiu chegar a tempo ao pase do iraní en contragolpe. Co 4-2, as filas murcianas intentaron a remontada; no minuto 26, a contra de Corvo bateu con Edu e porteiro laranxa volveu desbaratar as tentativas visitantes no 29, fronte a Aarón, aínda que non puido facer nada ante Alamiro, que subiu o 4-3, no 31, cun disparo cruzado pola escuadra. A falta de 5.12 minutos para o final, o Jumilla FS apostou polo xogo de cino con Rubén Zamora á fronte. Os mariñáns responderon con seriedade e aínda dispuxeron de dobre oportunidade a porta baleira, de Edu e Carlitos.

GRAZAS, JUANLU. ESTA SEMPRE SERÁ A TÚA CASA

Sorteo

O número agraciado cun reloxo Tissot, sorteado durante o descanso do encontro é o 60. O posuidor da devandita papeleta poderá recoller o premio na sede do CD Burela FS Pescados Rubén (avenida Arcadio Pardiñas, número 91, baixo, Burela, 982581815).

Ficha técnica

Burela FS Pescados Rubén: Edu, Iago Míguez, Chano, Antoñito, Hélder cinco inicial; tamén xogaron Miguel, Isi, Carlitos, Behroz

Montesinos Jumilla FS: Loren, Alamiro, Boyis, Josiko, Rober, cinco incial; tamén xogaron Corvo, Aarón, Rubén Zamora, Pichi

Goles: 1-0, minuto 5, Iago Míguez; 2-0, minuto 12, Isi; 2-1, minuto 13, Corvo; 3-1, minuto 18, Miguel; 3-2, minuto 18, Rubén Zamora; 4-2, minuto 25, Iago Míguez; 4-3, minuto 31, Alamiro;

Árbitros: Martínez Torres // Cid Bragado (Galicia)

Tarxetas: Por Montesinos amarela a Alamiro (minuto 39), Corvo (minuto 39)

Incidencias: Partido correspondente á 30ª xornada de Primeira División, disputado en Vista Alegre, con 800 espectadores. Antes do asubío inicial, Juanlu Alonso, no seu último partido á fronte do Pescados Rubén, recibiu de mans do presidente laranxa, Manuel Blanco, un reloxo personalizado como recordatorio da familia burelista.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.