24/04/2015

O lendario Daniel Ibañes dirixirá o Burela FS en 2015-16

O lendario Daniel Ibañes dirixirá o Burela FS en 2015-16
O lendario Daniel Ibañes dirixirá o proxecto do CD Burela FS Pescados Rubén en 2015-16, despois de estar á fronte do Era Pack Chrudim nas dúas últimas tempadas, conseguindo a histórica clasificación para a Elite Round da UEFA Futsal Cup. O ex-xogador do Boomerang Interviú recalou na Mariña onte pola tarde para formalizar o seu contrato para a próxima tempada; o presidente laranxa, Manuel Blanco, e o vicepresidente, José Luis Sáez, acompañárono na súa presentación oficial esta mañá.

“Estou moi contento porque tiña moitas ganas de volver á liga española. Regresei a España hai uns meses por motivos familiares; nese momento houbo contacto con outros equipos pero hai unas semanas falou comigo o Burela FS e pareceume o proxecto máis interesante. Un dos motivos que me axudaron a decidirme foi que Juanlu estaba aquí, é un amigo e faloume moi ben do club” explicaba o novo técnico laranxa, cunha traxectoria de vertixe sobre as pistas, máis de 100 internacionalidades con España, 5 Ligas, 7 Copas de España, 8 Supercopas de España, 4 UEFA Futsal Cup, 5 Copas Intercontinentales, 1 Recopa, 2 Copas Ibéricas, 1 Mundial, 4 Campionatos de Europa y numerosas distincións individuais na LNFS, no Mundial e na UEFA Futsal Cup.

Daniel Ibañes Caetano (São Paulo, 1976) colgou as súas máxicas zapatillas para asumir en 2010-11 a secretaría técnica do Inter e unha tempada máis tarde responsabilizouse como segundo adestrador no equipo do que colleu as rendas para disputar os play off en maio de 2012. En 2013-14 deu o salto ao fútbol sala internacional proclamando o Era Pack Chrudim como campión de Liga e Copa nesa primeira tempada e como subcampión de Copa en 2014-15, ademais de competir na UEFA Futsal Cup. Dende alí chega a Burela, con ilusión de seguir medrando co conxunto laranxa e con moita humildade, a pesar de ser todo un mito do fútbol sala: “Estes dous últimos anos na liga checa servíronme para aprender moito. Veño coa intención de traballar para que todo saia ben e conseguir dar un paso máis nun equipo que dende a súa estrea en Primeira medra ano a ano” reflexionaba Daniel. “Na miña etapa como xogador, un adestrador, Jesús Candelas, acostumaba a dicir que as grandes traxectorias só traen consigo unha cousa: grandes expectativas e maiores responsabilidades. Así chego eu, coa ilusión de traballar e poder chegar tan lonxe como técnico como fixen xogando” puntualizaba

O proxecto de Daniel Ibañes aposta por conservar a base do equipo para asentar o proxecto na máxima categoría: “Manteremos a estrutura desta tempada; hai rapaces da canteira que traballaron moi ben este ano e xogadores con contrato en vigor, ademais doutros cos que xa estamos falando para renovar” adiantaba Daniel, destacando as metas para 2015-16: “Unha das cousas que máis me chamou a atención foi a sinceridade coa que me falou o club dos obxectivos do equipo, un proxecto de consolidación na categoría para non pasar apuros pero tamén para pelexar por estar o máis arriba posible, sempre sabendo onde estamos e quen somos” concluíu o adestrador.

Dende o club mariñán, Manuel Blanco recoñeceu a chegada de Daniel Ibañes como “un orgullo que unha lenda viva do fútbol sala mundial dirixa o equipo laranxa”, engandindo José Luis Sáez que “nos consta que só a súa honradez e profesionalidade están por riba do seu coñecemento sobre o noso deporte”.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.