09/04/2015

Última festa galega para os laranxas (venres 10, 21.00 horas)

Última festa galega para os laranxas (venres 10, 21.00 horas)

O Burela FS Pescados Rubén gozará da última festa galega do fútbol sala 2014-15 para os laranxas. A antepenúltima xornada de Primeira División LNFS enfrontará mañá, ás 21.00 horas, en Vista Alegre a escuadra mariñá co Santiago Futsal.



Dende a novena praza (33 puntos), os pupilos de Juanlu buscarán recuperar o camiño triunfal tras o tropezo na pista do campión da Copa de España, Jaén Paraíso Interior. A emoción asegurada con aliciente de derbi incrementarase tamén da parte dos santiagueses que chegan á bomboneira, na décimo terceira posición empatados a 28 puntos con Marfil e Montesinos por diante e despois de sucumbir ante os dominadores da liga, Inter e Barcelona.



No vestiario mariñán volve á convocatoria Isi, recuperado dunha luxación de ombreiro; non estarán Jorge Bellvert, que continúa con traballo individual tras unha escordadura de ligamento lateral interno, nin Matamoros, despois de confirmarse un desgarro no ligamento cruzado anterior. Nas filas compostelás, Santi Valladares viaxará con todos os seus efectivos.



Laranxas e santiagueses abrirán a cita irmandiña con corredor ao Burela FS Pescados Rubén feminino, proclamado campión da Copa Galicia a semana pasada nas Pontes con goleada sobre o Ourense Envialia (7-0).



Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Behroz, 11.Chano, 13. Álex, 14. Miguel, 17. Carlitos, 23. Antoñito, 27. Renato, 29. Ángel, 30. Hélder

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.