05/02/2015

Visita á sempre complicada pista do Magna Navarra (venres 6, 20.30 horas)

Visita á sempre complicada pista do Magna Navarra (venres 6, 20.30 horas)

A 21ª xornada de Primeira División LNFS conducirá ao Burela FS Pescados Rubén á sempre complicada pista do Magna Navarra. O duelo directo entre a oitava praza dos anfitrións (30 puntos) e a novena dos laranxas (26 puntos) decidirase mañá no pavillón Anaitasuna de Pamplona a partir das 20.30 horas.



Os de Juanlu chegan a este compromiso tras o valioso empate ante Palma Futsal (1-1) en Vista Alegre fronte ás tres derrotas que encadean os navarros, logo de medirse a Montesinos Jumilla (6-4) e aos grandes, Inter Movistar (0-9) e Barcelona (6-2). Para o técnico burelista os últimos resultados do rival non son indicativos da realidade que está atravesando: “Coincidíronnos calendarios similares; o Magna tamén tivo un tramo inicial de partidos moi duros”. E ambas as escuadras tamén gardan parecidos internamente: “Somos dous equipos de estrutura similar, con vestiario curto, xogadores con experiencia pero tamén con moitos xogadores novos con minutos. Ambos apostamos por unha defensa agresiva e presionante dándolle prioridade ao contraataque. O que se poña por diante poderá impoñer o seu xogo e levar o partido” analizaba o técnico mariñán.



O Burela FS finalizou esta mañá a preparación para a cita de Anaitasuna sen contratempos. A única ausencia na expedición que chegará esta tarde a Pamplona, sobre as 20.00 horas, será Isi, que continúa co seu proceso de recuperación tras a rotura de fibras sufrida fronte a Levante. Nas filas locais, volve Jesulito, tras cumprir un partido de sanción, xogador que para Juanlu é “o motor do rival xunto a Eseverri”; Murga será dúbida por problemas físicos.



Na primeira volta o encontro quedou en táboas (4-4), con remontada navarra.



Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 3. Bellvert, 5. Iago Míguez, 9. Behroz, 10. Matamoros, 11.Chano, 13. Álex, 14. Miguel, 17. Carlitos, 23. Antoñito, 29. Ángel, 30. Hélder

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.