23/12/2014

Presentación dos amigables España vs Ucrania de Burela e Ferrol

Ferrol, 23 de decembro de 2014. Día importante para o fútbol sala de Ferrol e a súa comarca, porque na mañá do martes presentábase no Palacio Municipal do Concello de Ferrol o partido internacional de fútbol sala España-Ucrania, que se cele
Presentación dos amigables España vs Ucrania de Burela e Ferrol
Empezaba o acto a concelleira de deportes do Concello de Ferrol Susana Martínez-Galdós que destacaba a figura do presidente de O Parrulo, Julio Martínez como máximo responsable de que estes encontros se puidesen celebrar. Ao mesmo tempo tamén recalcaba a importancia deste evento para a cidade, como así o labor do concello na potenciación do deporte basee, sendo este un evento importante para todos os nenos e nenas da comarca. A continuación tomaba a palabra o responsable das seleccións nacionais de fútbol sala da RFEF Laurentzi Gana o cal agradecía aos concellos de Ferrol e Burela e aos clubs de O Parrulo e CD Burela FS Pescados Rubén a organización deste evento. Unha norma da RFEF é disputar encontros internacionais en todas as comunidades autónomas, o cal é moi difícil porque tan só hai catro convocatorias ao ano, ademais da fase de clasificación. O directivo destacaba a dificultade deste encontro. Ucrania é a quinta clasificada no ranking UEFA e España é a primeira, o que dá cabida do gran nivel que se espera neste partido e aseguraba que todos os afeccionados e afeccionadas ían gozar neste encontro. É a primeira vez que España e Ucrania se ven as caras nun partido amistoso. Disputaron dez partidos oficiais e en todas elas gañou España, pero sempre por resultados moi axustados. Este encontro servirá para preparar a fase previa da Eurocopa que se celebrará en Macedonia e na que só pasará á fase final o campión de cada grupo. Ademais, tamén anunciaba que o seguinte enfrontamento amistoso da selección española será a selección de Arxentina. O seguinte en falar era o seleccionador nacional José Venancio López o cal amosou a súa satisfacción de estar coa selección presentando estes partidos, sendo a súa obrigación difundir o fútbol sala. Este encontro foi posible grazas á petición da Federación Galega de Fútbol, ademais do labor dos concellos e os clubs. No referente ao partido, o seleccionador destacaba o nivel do combinado ucraniano, recalcando que o fútbol sala non ten nada que ver co fútbol once. Ucrania foi medalla de bronce en Eurocopa e cuarta no mundial, polo que España acudirá a este encontro coa columna vertebral habitual, ademais dalgunha novidade, destacar a presenza do ferrolano Adri, ex xogador de O Parrulo Ferrol e actual xogador de ElPozo Murcia. Ao mesmo tempo, animaba a todos os xogadores da Escola de Fútbol Sala de O Parrulo Ferrol a acudir ao clinic da mañá do 6 de xaneiro, como así á posterior firma de autógrafos aberta a todo o mundo. Tralo seleccionador nacional, era a quenda para o Alcalde de Burela, José Manuel González Barcia, referíndose a José Venancio como un amigo. O rexidor referíase a Burela como un pobo con moitísimo sacrificio, porque grazas aos patrocinadores foron capaces de ter ao CD Burela FS Pescados Rubén na máxima categoría do fútbol sala nacional masculino e feminino, sendo isto un motivo de gran satisfacción. No referente ao encontro internacional, consideraba este partido como unha recompensa da RFEF ao gran traballo realizado pola xente de Burela, ademais de destacar a dificultade de atopar patrocinadores que aposten polo deporte, porque con estes eventos o futuro do deporte base está asegurado, ao mesmo tempo que finalizaba chanceando pola non inclusión de xogadores do CD Burela nesta convocatoria. O acto finalizaba coas palabras do Alcalde de Ferrol, José Manuel Rei Varela, o cal agradecía a presenza de todas as autoridades presentes, ao mesmo tempo que agradecía ao seleccionador José Venancio López a referencia por anunciar a convocatoria destes partidos en Ferrol. Este evento deportivo é importante para consolidar a marca de Ferrol como referencia do deporte base, ademais de destacar a presenza dos combinados nacionais en dúas ocasións en menos de tres meses. Primeiro coa selección española sub-21 de fútbol no Estadio da Malata e agora coa selección española absoluta de fútbol sala no Pavillón da Malata, nuns eventos nos que a cidade de Ferrol envorcouse, ademais finalizaba tamén chanceando de que aínda que non houbese xogadores de O Parrulo convocados, estaba orgulloso da traxectoria do club da cidade e da súa historia. A continuación facilitámosvos a convocatoria oficial destes partidos internacionais España-Ucrania do 5 de xaneiro en Burela e 6 de xaneiro en Ferrol: - Porteiros: Paco Sedano (FC Barcelona) e Jesús Herrero (Inter Movistar) - Peches: Aicardo (FC Barcelona), José Ruiz (ElPozo Murcia), Lolo (Inter Movistar). - Ás: Rivillos (Inter Movistar), Sergio Lozano (FC Barcelona), Pola (Inter Movistar), Adri (ElPozo Murcia), Adolfo (Marfil Santa Coloma). - Á-pivots: Raúl Campos (ElPozo Murcia), Quintela (Santiago Futsal). - Pívots: Fernandao (Dinamo de Moscú - Rusia) e Alex (ElPozo Murcia). Nota de prensa facilitada por: Federación Galega de Fútbol

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.