15/11/2014

O derbi tínguese de laranxa (Burela FS 6-1 Prone Lugo)

O derbi tínguese de laranxa (Burela FS 6-1 Prone Lugo)
derbi entre Burela FS Pescados Rubén e Prone Lugo AD, un duelo ao que ambos os equipos chegaron con baixas importantes, cubriuse esta tarde de cor laranxa. Os mariñáns impuxéronse 6-1 con dobretes de Matamoros, Isi e Antoñito ante un rival que sempre deu a cara.

Buscaron os pronistas a meta burelista xa nos primeiros segundos intentando sorprender a Álex, pero o perigo chegou do lado burelista. Tras un balón longo do 13 laranxa a Matamoros e un saque de esquina que non conseguiu enganchar Antoñito, Mata abriu o marcador no minuto 2, aproveitando un córner de Isi. Incrementou o axexo o conxunto da Mariña sobre a portería de Óscar Iglesias. Iago Míguez, no minuto 3, Chano, no 7, e Antoñito, no 9, perdoaron demasiado, pero Isi plantouse no ecuador da primeira parte para poñer o 2-0 nunha recuperación que conseguiu finalizar a pase de Mata superando o gardameta lugués. Malia que o peso do encontro era local, o equipo visitante conseguiu recortar distancias no minuto 12, nun balón recolleito por Javi Río desde a banda, un dos xogadores pronistas máis ferintes. Pouco despois Óscar Iglesias conseguiu frear a embestida dos potentes disparos de Mata e Chano, pero non puido facer nada ante Antoñito, no minuto 15, que subiu o 3-1 desde saque de esquina de Isi. O conxunto de Albes seguiu pelexando pola remontada sen xerar apenas nerviosismo nas filas locais, a excepción do lanzamento de Manuel María, no 15, desde balón parado, que se estrelou contra o largueiro. A falta de 20 segundos para o descanso, Iago Míguez a punto estivo de subir o 4-1 nun disparo que se foi demasiado alto.

No segundo período, os pronistas quixeron complicarlle as cousas ao Burela FS. Malia que nos primeiros segundos o ataque local intentou sorprender a Óscar Iglesias, que conseguiu sacar o esférico axudado por Iago Rodríguez, despois o conxunto mariñán viuse obrigado a non perder a concentración en defensa con tripla tentativa de Antonio Diz en tan só dous minutos. O 9 de Lugo a punto estivo de sorprender a Álex tamén no minuto 25 tras un mal saque de porta do meta burelista que aproveitou Javi Río. Con todo, os de Juanlu enseguida recuperaron o control e o gol, cun gran contraataque de Isi que superou a Óscar Iglesias e perforou a rede para subir o 4-1.

Os visitantes apostaron pola remontada con xogo de cinco liderado por Álex Diz a falta de pouco máis de oito minutos para o descanso, pero non conseguiron alterar a solidez defensiva dos laranxas, que souberon aproveitar para ampliar a fenda no marcador. Despois do man a man entre Iago Míguez e Álex Diz enfundado na camiseta de porteiro xogador, Antoñito asinou o 5-1 a porta baleira no minuto 36 tras recuperación Matamoros fronte ao 10 lugués. Un minuto despois Matamoros fixo o propio para anotar o seu dorlete, co definitivo 6-1. Os visitantes asediaron ata a extenuación a área burelista nos últimos segundos ante un brillante Álex.

O Prone despediuse de Vista Alegre arroupado por varias decenas de afeccionados que non cesaron de animar o conxunto pronista, sumido nunha mala racha, sen puntos ata o momento.

Ficha técnica

Burela FS Pescados Rubén: Álex, Isi, Matamoros, Carlitos, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Iago Míguez, Hélder, Chano

Prone Lugo AD: Óscar Iglesias, Iago Rodríguez, Antonio Diz, Álex Diz, Javi Río, cinco inicial; tamén xogaron Nacho Pedraza, Manuel María, Rubén Mouriz, Adrián

Goles: 1-0, minuto 2, Matamoros; 2-0, minuto 10, Isi; 2-1, minuto 13, Javi Río; 3-1 minuto 15, Antoñito; 4-1, minuto 27, Isi; 5-1, minuto 36, Antoñito; 6-1, minuto 37, Matamoros

Tarxetas: Por Burela FS amarela Iago Míguez (minuto 12). Por Prone amarela a Óscar Iglesias (minuto 6), Iago Rodríguez (minuto 19)

Árbitros: Rodrigo Miguel // Sánchez Molina

Incidencias: Partido correspondente á décima xornada de Primeira División LNFS disputado en Vista Alegre, con emisión en directo de TVG2. Arredor de 1200 espectadores

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.