01/11/2014

A maxia laranxa acaba coa imbatibilidade de ElPozo (4-3)

A maxia laranxa acaba coa imbatibilidade de ElPozo (4-3)

A maxia laranxa conseguiu acabar hoxe coa imbatibilidade en liga de ElPozo Murcia (4-3). O compromiso e a aptitude dun Burela FS Pescados Rubén serio en ataque e, sobre todo, en defensa puido derrotar ao histórico rival; malia ir por detrás no marcador, os mariñáns souberon recompoñerse para marcar distancias e frear a avalancha dos de Duda con xogo de cinco.



Antes de cumprirse o primeiro minuto de xogo Adri xa intentaba sorprender a Álex de lanzamento cruzado. Con todo, os da Mariña tampouco se deixaban amedrentar; no minuto 2, Isi en contraataque ofreceulle un belísimo pase a Mata, que non puido controlar de cabeza diante de Fabio. Adiantaron os visitantes no minuto 7, nas zapatillas de Lima tras roubo a Chano. Souberon os pupilos de Juanlu manter a calma e tan só dous minutos despois Iago Míguez asinou o 1-1 nun contragolpe con selo de Isi. Por primeira vez puxéronse por diante os de Vista Alegre no ecuador da primeira parte cun mísil desde media pista de Jorge Bellvert desde saque de banda de Matamoros. Tras dúas magníficas ocasións do 10 burelista ante Fabio, o conxunto de Duda tamén dispuxo de dobre oportunidade de Álex sen éxito. Entre as mellores ocasións do Burela FS destacou a de Antoñito, que non conseguiu atopar a rede, no minuto 14, logo de perda e recuperación de Iago Míguez. No último cuarto intensificouse o traballo e o perigo para o meta laranxa; Eka non controlou o pase de Adri no minuto 15 tras roubar a Iago Míguez e o disparo cruzado de Lima no 17 marchouse sen tocar a portería local. A dous minutos para o descanso, a serenidade de Álex fixo mella sobre dobre tentativa de Raúl Campos; o meta burelista salvou da igualada co brazo primeiro e segundos despois desde o chan na liña de meta.



A segunda parte comezou de novo con aviso de Adri, desde fóra da área, con despexe de Álex. Tan só un minuto máis tarde, non aproveitou o Burela FS en contraataque de Carlitos, que non puido finalizar Jorge, e os de Murcia non perdoaron. Álex anotou o 2-2 (minuto 22), asistido por Raúl Campos, desde saque de esquina. Non quixeron perder as rendas do marcador os de Juanlu e poucos segundos despois Jorge volveu adiantar os da casa (minuto 22) desde saída de córner, distancia que ampliou no 24 Chano ao culminar un contraataque iniciado por Iago Míguez desde o chan na pista laranxa. Aínda estaba Vista Alegre celebrando o 4-2, cando Eka reduciu a fenda a pase de Gréllo (minuto 25). O titánico ElPozo Murcia insistiu en ataque ante un serio rival en defensa cun acertadísimo Álex baixo os paus. A falta de cinco minutos e medio para o final, ElPozo Murcia saíu a por todas con xogo de cinco liderado por Gréllo, ante a imperturbable defensa dos mariñáns. Adri a punto estivo de subir a igualada no minuto 37 cun balón cruzado que se estrelou contra o pau. Aínda que tamén dispuxeron dunha magnífica ocasión segundos despois Isi e Carlitos. Tras o despexe de Álex, Iago Míguez salvou os laranxas ao bordo da liña de meta no 38. O 5 burelista puido ampliar distancias en dúas ocasións no último minuto desde a pista local a porta baleira, con disparos que se foron moi desviados. Agora toca pensar en recuperar ao persoal para a próxima xornada; Isi acabou con molestias logo de verse obrigado a saír da pista na primeira parte e Jorge Bellvert non puido disputar os últimos minutos.



Ficha técnica



Burela FS Pescados Rubén: Álex, Jorge Bellvert, Isi, Matamoros, Carlitos, cinco inicial; tamén xogaron Antoñito, Iago Míguez, Chano, Hélder, Ángel



ElPozo Murcia FS: Fabio, Bebe, Álex, Adri, Raúl Campos, cinco inicial; tamén xogaron Gréllo, José Ruiz, Eka, Lima, Juampi



Goles: 0-1, minuto 7, 1-1, minuto 9, Iago Míguez; 2-1, minuto 10, Jorge Bellvert; 2-2, minuto 22, Álex; 3-2, minuto 22, Jorge Bellvert; 4-2, minuto 24, Chano; 4-3, minuto 25, Eka



Tarxetas: Por Burela FS amarela a Isi, Hélder, Chano. Por ElPozo amarela a Juampi, Lima 



Árbitros: Redondo Arenales // Viedma Martín



Incidencias: Partido correspondente á oitava xornada de Primeira División LNFS disputado en Vista Alegre. Arredor de 1.200 espectadores

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.