05/04/2014

Tres puntos para seguir soñando co play off

Tres puntos para seguir soñando co play off
O Burela FS Pescados Rubén conseguiu esta tarde tres traballadísimos puntos na visita a Vista Alegre do Jaén Paraíso Interior (2-1), un resultado que lle permite manterse en postos privilexiados e seguir soñando co play off. Tal e como adiantaba o técnico laranxa, Juanlu, os mariñáns tiveron que pelexar durante os corenta minutos “con paciencia e concentración ante un rival afeito a partidos moi pechados”; Matamoros anotou o gol da vitoria para éxtase da bancada faltando 41 segundos para a bucina final.

Empezaron ben os laranxas axexando a portería de Prieto xa nos primeiros compases, con dominio na pista rival. Aos 15 segundos de xogo, Juanma intentaba dar a sorpresa, con despexe do meta xienense por arriba. Matamoros, Iago e Isi tamén contaron con grandes oportunidades antes do minuto 5. Pouco despois, Edu sobresaltou á bancada nun saída arriscada para frear o ataque xienense, pero tamén estivo sublime pouco despois ao desbaratar unha xogada de estratexia. Roldando o ecuador, Iago intentouno cun centro perfecto que non atopou compañeiro, e Antoñito, tan só un minuto despois, lanzou un mísil que se estrelou no corpo do gardameta visitante. Tamén probou Burrito, de espeto no 14, con nova intromisión de Prieto. No 17, Isi buscou a Antoñito e Hugo ao bordo da liña de meta sen éxito. Chegaba o tempo de descanso sen movementos no electrónico.

A posesión e o perigo atoparon unha repartición máis equilibrada no reinicio. Ao disparo picado de Iago Míguez (minuto 24) respondeu o Jaén FS sobre a portería de Edu, con máis traballo tras o descanso. O de Narón freou unha dobre embestida de Sergio García e unha tentativa de Juan Puertas desde saque de esquina, no minuto 25. Con todo, nada puido facer tan só dous minutos despois nun contraataque do propio Juan Puertas. Con 0-1 en contra, o Burela FS seguiu intentándoo; non estaba disposto a deixar escapar os tres puntos da bomboneira. Logo dunha dobre oportunidade de Iago Míguez, primeiro revolvéndose na área e despois nun pase longo de Burrito en galopada, chegou o empate, de Antoñito, que aproveitou un rexeite da defensa andaluza ao bordo da portería (minuto 31); antes Edu impedira o 0-2, de Jorge.

No 33, cantou Vista Alegre o espellismo do 2-1 de Burrito, que a punto estivo de coarse na portería con Prieto, e Mata asustou desde a banda fronte ao enredo de xienenses e mariñáns na área visitante. Volveu á carga o 10 laranxa, con fame de gol, e tras dúas infrutuosas tentativas (minutos 37 e 38) e con Mimi liderando o xogo de cinco, á terceira chegou a vencida; o pichichi burelista subiu o 2-1 a 41 segundos para o final. Reaccionaron os visitantes con Yoni como porteiro xogador. A falta de 4 segundos, Mata aínda dispuxo dun balón que se paseou en paralelo pola liña de meta.

O Burela FS medirase na próxima xornada ao líder, Inter Movistar, en Alcalá de Henares; o partido, emitido por Energy TV, disputarase o sábado 12, ás 13.00 horas.

Ficha técnica

Burela FS Pescados Rubén: Edu, Mimi, Iago Míguez, Isi, Juanma, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Antoñito, Burrito, Christian, Hugo

Jaén Paraíso Interior: Prieto, Miguelín, Lolo Jarque, Jorge, Jose López, cinco inicial; tamén xogaron Yoni, Juan Portas, M. Ureña, Sergio García, E. Buendía

Goles: 0-1, minuto 27, Juan Puertas; 1-1, minuto 31, Antoñito; 2-1, minuto 39, Matamoros

Árbitros: Arce Ruiz // De Juana González (Cantabria)

Tarxetas: Por Burela FS amarela a Mimi (minuto 30), Matamoros (minuto 34). Por Jaén, amarela a Miguelín (minuto 36)

Incidencias: Partido correspondente á 27ª xornada de Primeira División LNFS, que contou coa presenza da Selección do Xapón, dirixida polo español Miguel Rodrigo, nas bancadas; durante o descanso, o manager xeral do Xapón, Kentaro Kurata, e o presidente do Burela FS, Manuel Branco, obsequiáronse cun intercambio de camisetas. 900 espectadores

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.