01/04/2014

Cidade das Burgas, último obstáculo para as laranxas cara á final da Copa Galicia

Cidade das Burgas, último obstáculo para as laranxas cara á final da Copa Galicia

O Burela FS Pescados Rubén pelexará mañá polo seu pase á cita decisiva polo título da XXIII Copa Galicia; será na pista do Cidade das Burgas (Os Remedios, 20.00 horas). No caso de saír vitoriosas, as laranxas veranse as caras na gran final co Ponte Ourense, que se impuxo en semifinais ao Viaxes Amarelle (1-5).



Tras a perda dos tres puntos e o liderado na pista do Atlético de Madrid Navalcarnero, o cadro de Quico Otero amósase moi motivado con este compromiso: “O máis saudable é competir enseguida, ter novas esixencias rapidamente para sobrepoñerse do resultado en contra de liga e seguir pelexando porque aínda quedan moitos puntos en xogo” dicía con optimismo o técnico, con palabras de agradecemento ademais para o máis de medio cento de seareiros que se desprazou a Madrid o sábado: “Quedamos sorprendidos e felices; animaron en todo momento e déronnos grandes mostras de apoio ao final; tan só esperamos demostrar a nosa gratitude con resultados”.



“Esta é unha competición moi importante e debemos estar plenamente involucrados. Medímonos a un rival moi perigoso na casa, que está deixando poucos puntos en liga na súa pista. Teremos que ter paciencia porque seguramente o Cidade nos esperará pechado agardando un erro noso e debemos ter especial coidado cos seus puntos fortes, os balóns verticais, os desprazamentos longos de esférico e o xogo en área contraria” adiantaba así a lectura do partido Quico Otero.



As mariñás porán rumbo a terras ourensás mañá ás 15.30 horas. Lidia e Peque viaxan con pequenas molestias, Daniela chegará algo minguada por unha escordadura de nocello sufrida en Navalcarnero e Maite plantarase en plena recuperación do ton físico, despois de disputar os primeiros minutos ante o Atlético tras unha lesión que a tivo afastada case dous meses da competición.



Final masculina. O Burela FS Pescados Rubén xa coñece o seu rival da gran final; será o Santiago Futsal, que venceu onte en semifinais o Cidade de Narón, por un axustado 2-3. Os laranxas conseguiron o billete para a cita decisiva despois de impoñerse en Vista Alegre ao actual campión, Azkar Lugo, por 1-0.
 

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.