28/03/2014

Regreso á competición na casa do pechacancelas, Colegios Gran Canaria

Regreso á competición na casa do pechacancelas, Colegios Gran Canaria

O Burela FS Pescados Rubén regresa mañá á competición de Primeira, logo da parada pola Copa de España e da xornada de descanso de liga, na casa do pechacancelas, Colegios Arenas Gran Canaria (18.30, hora insular). O cadro laranxa, oitavo (30 puntos), pelexará polos tres puntos para non descolgarse dos postos de play off.



O conxunto de Juanlu afronta a 26ª xornada coa reincorporación de Hugo, xa totalmente recuperado da súa intervención de menisco, aínda que aínda non poderá contar con Christian: “Foron dúas semanas sen liga que nos viñeron moi ben. Hugo xa realizou o traballo co grupo durante toda a semana; estará para o partido, aínda que non ao cento por cento. Christian tamén viaxa, pero non está en condicións de saltar á pista polo momento” explicaba así o técnico a situación do vestiario laranxa.



“Malia estar no fondo da táboa o Gran Canaria non baixou os brazos; está realizando uns partidos moi competitivos. Sen ir máis lonxe, en Peñíscola estivo a piques de gañar e ademais nós contamos coa desagradable experiencia de Vista Alegre (2-2), con dous puntos menos” analizaba así Juanlu aos canarios, que anunciaron esta semana a marcha de Glauber. “Temos claro que os dous próximos partidos, con Canarias e Jaén, poden ser un paso importante para os play off” dixo o técnico laranxa, incidindo na necesidade de que non se repita o desenlace da primeira volta: “O empate con Canarias e a derrota en Jaén condicionáronnos en exceso para a clasificación da Copa; isto non pode repetirse”.



“Nós manteremos a nosa filosofía. Imos dominar o partido, presionando con defensa alta e a polos tres puntos” aseguraba Juanlu. “Poderemos ver un rival con dúas caras; con Inter pechouse moi atrás e, no entanto, con Santa Coloma ofreceu unha defensa máis presionante” analizaba o adestrador burelista, recoñecéndose “preparados para eses dous tipos de partidos. Estivemos traballando toda a semana esas posibilidades”, concluía.



 

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.