16/01/2014

A pola terceira vitoria consecutiva

O Burela Pescados Rubén desprázase a Palma de Mallorca para xogar a vixésima xornada da Primeira División LNFS ante o Hospital Llevant Manacor. O duelo ante os baleares dispútase no Palma Arena de Mallorca o venres 17, ás 20.30 horas.
A pola terceira vitoria consecutiva
A escuadra galega busca prolongar o seu bo inicio en 2014 coa súa terceira vitoria consecutiva para continuar a súa escalada na clasificación, actualmente é sétimo con 25 puntos. En fronte terá a un conxunto que destaca principalmente “pola boa presión que realizan en zona adiantada coa que xeran moitos contragolpes perigosos” advertiu o técnico burelés, Juanlu Alonso. Malia a súa posición na táboa, penúltimos con 15 puntos, os manacorís son un equipo moi correoso “teñen o selo do seu técnico, Tomás de Dios. Son tremendamente competitivos e teñen un quinteto forte. O seu punto débil é que a rotación é un pouco xusta e, ás veces, os partidos fánselles demasiado longos”.

Na segunda volta o Burela Pescados Rubén sumou 9 puntos, polos 4 contabilizados na primeira antes do duelo cos baleares que en Vista Alegre saíron derrotados por 7-6, nun encontro trepidente e con alternativas no xogo e o marcador. No Palma Arena os bureleses xogarán por sumar “un novo triunfo para aumentar a nosa dinámica positiva e seguir reforzando a confianza do grupo”. O equipo mariñao non contará para este partido con Hugo, debido a unha lesión no xeonllo dereito pendente de diágnóstico definitivo. Tamén é dúbida a participación de Álex e Juanma, ambos por un proceso gripal. Malia iso Juanlu indicou que “non podemos lamentarnos por nada, son circunstancias habituais que pasan durante a tempada e confiamos en todo o persoal. Simplemente esperar que a lesión de Hugo sexa de escasa gravidade”.

CONVOCATORIA

Burela Pescados Rubén: Edu, Isi, Christian, Antoñito, Burrito, Matamoros, Álex, Mimi, Carlitos, Iago Míguez e Juanma. É baixa Hugo por lesión no xeonllo dereito.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.