05/12/2013

Derbi con aliciente de Copa (sábado 7, 18.00 horas, TVG2)

Derbi con aliciente de Copa (sábado 7, 18.00 horas, TVG2)

O Burela FS Pescados Rubén xogarase a penúltima ficha para o acceso á Copa de España este sábado na complicadísima pista do Santiago Futsal. Os pupilos de Juanlu, desde a oitava praza (15 puntos), vivirán un derbi galego con aliciente de Copa de España no Multiúsos do Sar (18.00 horas, TVG2 en directo), un auténtico parapeto para os composteláns, na cuarta praza (21 puntos), de onde non deixaron escapar ningún punto no que vai de liga.



“Creo que estamos ben anímica e deportivamente; saímos reforzados do partido co líder, dando a cara en todo momento” aseguraba o ala Hugo, militante santiagués a tempada pasada, facendo referencia á máxima concentración dos laranxas fronte á grande intensidade como a mellor das virtudes dos de Compostela. “Imos dispostos a xogalo todo non só para meternos en Copa senón tamén para gañar confianza de cara á segunda volta” afirmaba con ilusión o 9 burelista.



“Sabemos que é un rival que non regala nada, que está sempre en todas as competicións, e máis este ano no que ten uns números envexables na casa, pero imos convencidos de poder romper a súa etapa e ser os primeiros en gañar no Sar” advertía Hugo.



O madrileño, engaiolado co apoio das bancadas burelistas desde a súa chegada á Mariña, mostrouse agradecido polo gran desprazamento que está organizando a peña A Pataca Naranxa, con 150 afeccionados confirmados, ademais varias decenas que viaxarán en vehículos particulares. “Para nós é moi importante sentir o alento dos afeccionados. O apoio da afección sempre foi algo vital para o crecemento deste club. O ano pasado estiveron no Sar e o Burela FS regresou cos tres puntos. Oxalá lles poidamos brindar a vitoria porque eles tamén a merecen despois dos altibaixos que tivemos” concluíu Hugo con optimismo.



 



Rivais directos. A xornada 14 tamén deparará derbis entre Magna Navarra, sétimo (18 puntos), e Ríos Renovables, noveno (15 puntos), esta tarde e Marfil Santa Coloma, sexto (19 puntos), e Peñíscola, décimo (14 puntos), o sábado.



 



Próxima cita. O Burela FS Pescados Rubén pechará a primeira volta na casa coa visita a Vista Alegre do Marfil Santa Coloma, tamén en púgnaa por un billete para a Copa de España; será o venres 13, ás 20.30 horas (horario unificado). O equipo de Juanlu aprazou uns días oitavos da Copa do Rei, previstos para o 10-11 de decembro; desprazarase á pista de Levante UD Dominicos, de Segunda División, o mércores 18 (20.30 horas, El Cabañal).

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.