30/11/2013

O Burela FS dá a cara ante o líder

O Burela FS dá a cara ante o líder

O Burela FS Pescados e Vista Alegre deron a cara hoxe ante un líder todopoderoso, tallante na finalización. Malia tomar a iniciativa no marcador e dalo todo sobre a pista, os goles laranxas de Iago Míguez, Isi, Juanma e Mata non foron suficientes para frear a embestida do Inter Movistar (4-5), con Pola, Rivillos e triplete de Ricardinho.



 



O cadro de Juanlu saltou á cancha pisando forte; mostrouse feroz en ataque e provocou a incomodidade do rival ralentizando as súas tentativas en verticalidade. O gol laranxa non se fixo esperar; Iago Míguez anotou o 1-0 ao segundo pau (minuto 2) desde saque de esquina de Isi, un tanto que avivou as chamas das filas mariñás para pelexar polos tres puntos. Con todo, o Inter mantivo a compostura para reducir distancias; no minuto 5, Pola subiu o 1-1, en xogada de estratexia. O Burela FS non estaba disposto a renderse e intentouno con Juanma, só ante Jesús Herrero, no minuto 6, pero o esférico marchouse alto. Ante a sólida defensa do Inter, as ocasións volvían para as zapatillas laranxas roldando o ecuador da primeira parte; Hugo, logo de deixar atrás Mata a Tobe, e Antoñito, tamén en colaboración co dorsal 10 burelista, intentaban sorprender o porteiro madrileño. A escuadra galega perdoou e volveu á carga o Inter; no minuto 13, Álex puido obstaculizar desde o chan o disparo de Ricardinho e no 14 volveu frear a Ortiz, pero de novo estaba Ricardinho esperando para materializar o 1-2. A primeira parte finalizou con busca incesante dos burelistas por volver ás táboas, aínda que sen éxito.



 



Tras o descanso chegou o gol tan merecido dos mariñáns. O Burela FS aproveitou un erro defensivo, no minuto 22; Isi subiu o empate ao marcador nun balón que tocou en Carlos Ortiz, onde tamén esperaba Hugo para rematar a faena. A reacción de Inter foi rápida, anotando o 2-3 a balón parado, con Ricardinho ao segundo pau desde Batería (minuto 23). Pero, os pupilos de Juanlu non estaban dispostos a ceder máis terreo e así o deixaron de manifesto dous minutos máis tarde, coa igualada 3-3, de Juanma, que aproveitou un pase de Burrito para bater de lonxe o meta interista. A nova vantaxe dos madrileños volveu chegar de estratexia, con saque de esquina de Rafael que culminaba Rivillos no minuto 27. Con 3-4, chegaba o ecuador da segunda parte, no que Matamoros buscaba sorprender a Jesús Herrero para igualar a contenda, pero tamén con traballo para Álex baixo os paus, que salvou os laranxas só ante Batería. Non puido frear, con todo, o meta laranxa a Ricardinho no minuto 31, en colaboración con Borja (3-5). Aínda que o Inter mandaba no marcador, o Burela FS non se deixaba amilanar. Cando parecía que os ánimos estaban máis baixos, o gol de Matamoros, con axuda de Hugo, volveu facer estalar a Vista Alegre (minuto 35). A falta de pouco máis de 2 minutos para a bucina final, Burela apostou por porteiro-xogador con Burrito de amarelo, pero o tempo esgotouse sen o traballado empate.



 



Santiago Futsal espera os laranxas na 14ª xornada; será o sábado 7 de decembro no Multiúsos do Sar, ante a atenta mirada das cámaras de TVG 2 (18.00 horas).



 



Ficha técnica



Burela FS Pescados Rubén: Álex, Iago Míguez, Isi, Hugo, Mata, cinco inicial; tamén xogaron Burrito, Antoñito, Mimi, Juanma, Christian



Inter Movistar FS: Jesús Herrero, Ricardinho, Batería, Rafael, Ortiz, cinco inicial; tamén xogaron Rivillos, Nano Modrego, Pola, Borja, Tobe



Goles: 1-0, minuto 2, Iago Míguez; 1-1, minuto 5, Pola; 1-2, minuto 14, Ricardinho; 2-2, minuto 22, Isi (p.p. Ortiz); 2-3, minuto 23, Ricardinho; 3-3, minuto 25, Juanma; 3-4, minuto 27, Rivillos; 3-5, minuto 31, Ricardinho; 4-5, minuto 35, Matamoros



Árbitros: Martínez Segovia // Sánchez Molina (Castela A Mancha)



Tarxetas: Por Inter, amarela a Rafael (minuto 25). Por Burela FS amarela a Antoñito (minuto 5), Isi (minuto 33), Mimi (minuto 40)



Incidencias: Partido correspondente á décimo terceira xornada de Primeira División LNFS (Vista Alegre), con 1.200 espectadores nas bancadas, coa presenza do presidente da Federación Galega de Fútbol Sala, Juan Ángel Probaos. Minuto de silencio polo falecemento Ramón Otero Franco, pai do adestrador do CD Burela FS de Primeira División RFEF, Quico Otero.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.